Pontón promete eliminar “os impostos á enfermidade"

Ana Pontón este mércores nun acto sobre Sanidade en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A candidata do BNG asegura que “o máis diferente e rebelde que se pode ser en Galicia é nacionalista”

Sobre a sanidade xirou o acto sectorial organizado este mércores polo BNG en Santiago, ás portas do amplo pero avellentado ambulatorio Concepción Arenal, no centro da cidade. Alí a súa candidata, Ana Pontón, prometeu que se a súa formación goberna en Galicia eliminará “os impostos á enfermidade” implantados polo PP, en referencia aos copagamentos sanitarios.

Segundo Pontón, o BNG recuperará “o dereito á saúde” a través dun “rescate da sanidade pública”. Entre as medidas concretas que propón está a eliminación dos copagamentos, a realización dunha auditoría do novo hospital de Vigo para que a empresa privada que o xestiona asuma cos seus cartos as deficiencias detectadas e unha aposta “pola prevención na atención primaria” como un xeito eficaz de evitar a sobrecarga do sistema sanitario.

Pontón di que a chave do cambio son os escanos que disputan os nacionalistas ao PP "en todas as circunscricións"

Pontón foi preguntada polas expectativas da súa formación o próximo domingo, ao que respondeu que asumirán o que digan os cidadáns, pero asegurou que está “palpando unha remontada” na que bota en falta “un debate máis” e sentenciou que “o máis diferente e rebelde que se pode ser en Galicia é nacionalista”. Segundo dixo, “PSOE e Podemos regaláronlle unha vida máis a Rajoy” ao non ser quen de acordar un goberno progresista no Estado, algo que garante que non pasará en Galicia se depende do BNG. Ao seu ver, “quen ten a chave son os escanos que no BNG estamos disputando ao PP en todas as circunscricións”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.