Pontón: "Quereremos máis BNG nos concellos porque queremos máis capacidade para mellorar a vida da xente"

Ana Pontón na reunión do Consello Nacional do BNG deste sábado CC-BY-SA BNG

A formación nacionalista salienta que continúa avanzando "con paso firme" nunha folla de ruta "clara e ambiciosa" 

A primeira reunión do Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) tralo inicio do curso político estivo centrada, como non podía ser doutra forma, no período electoral que vén: os comicios municipais e estatais. A formación salienta que continúa avanzando "con paso firme" nunha folla de ruta "clara e ambiciosa" e que xa ten elixidas as persoas que encabezarán as candidaturas para o vindeiro 23 de maio en 94 concellos, incluídas as sete cidades.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, avanzou unha intensa axenda de mobilización municipal, coa celebración de tres encontros: un específico das grandes cidades, outro de gobernos e cogobernos nacionalistas e un gran encontro nacional multitudinario como "gran pistoletazo de saída" cara á cita coas urnas do 23M, na que o BNG, destacou, "volverá demostrar que está en plena forma e non ten teito".

Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego celebrado en Santiago CC-BY-SA BNG

"Imos traballar con máis ilusión que nunca para conseguir máis concelleiros e concelleiras, máis alcaldías do BNG, quereremos máis BNG nos concellos porque queremos máis capacidade para mellorar a vida da xente e porque cada novo goberno municipal fortalece a alternativa do Bloque para Galiza", asegurou Pontón, quen vaticinou que nas eleccións municipais serán "a forza política que máis medre" no país. 

Pontón instou a militancia da formación "a redobrar o traballo directo coa cidadanía para seguir consolidando o avance social e electoral" logrado nos últimos comicios polo Bloque

Con este obxectivo, Ana Pontón instou a militancia da formación "a redobrar o traballo directo coa cidadanía para seguir consolidando o avance social e electoral" logrado nos últimos comicios polo Bloque. A mensaxe é clara: "O BNG serve para algo tan concreto e importante como que a xente deste país viva mellor", aseverou a portavoz nacional.

Pontón gabou o "aval extraordinario" do seu modelo municipal, pois recalcou que alí onde gobernan demostran que existe "outra forma de facer política", baseada na defensa da sanidade e a educación públicas, dinamizando a economía co apoio ao tecido local e ás Pemes, protexendo o territorio, recuperando o espazo público para as persoas, avanzando en igualdade, apoiando a cultura e defendendo unha lingua "que non imos permitir que nos rouben". 

Intervención de Ana Pontón este sábado CC-BY-SA BNG

Ana Pontón contrapuxo as súas políticas á "cada vez peor" actuación do Executivo de Alfonso Rueda á fronte da Xunta de Galicia "polos recortes e privatizacións na sanidade, na educación e nos coidados", mais tamén por unha "peor política económica que está provocando que en Galiza a inflación suba por riba da media" ou pola súa "incapacidade para aportar solucións ao problema da vivenda".

"Non aporta solucións porque as súas políticas son outras, pero tamén porque temos a un presidente que está utilizando a Xunta ao servizo da campaña electoral de Feijóo, temos a un Partido Popular que, con tal de ser fiel ao que lle mandan desde Madrid, non lle importa traballar en contra de Galiza", denunciou Pontón.

"Non aporta solucións porque as súas políticas son outras, pero tamén porque temos a un presidente que está utilizando a Xunta ao servizo da campaña electoral de Feijóo", dixo Pontón sobre Rueda

Nesta liña, Ana Pontón sinalou que o debate no país pasa por dous modelos: "A Galiza do medo que representa o PP ou a Galiza da esperanza que representa o BNG"

Sobre as eleccións ao Congreso e ao Senado, que tamén se celebrarán en 2027, aínda sen data concreta, apelou a encarar o curso político coa responsabilidade de ser "a alternativa real ao PP" e co "importante" reto de "ampliar" a representación en Madrid

A líder nacionalista reafirmou o compromiso do Bloque coa paz, a liberdade, os dereitos, a dignidade humana e a vida. "Vidas humanas coas que xogan os sátrapas da xeopolítica", indicou, como se acaba de ver en Ceuta, "onde 141 persoas morreron afogadas e a resposta que se está vendo é o síntoma da deshumanización destes tempos, da falta da máis mínima empatía".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.