Pontón reivindica o "modelo de éxito" municipal dos alcaldes do BNG para trasladalo á Xunta

Ana Pontón, no acto con alcaldes do BNG CC-BY-NC-SA BNG

O BNG quere levar o seu "modelo de éxito" nos concellos á vindeira Xunta. A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou ese propósito nun acto cos alcaldes dos concellos gobernados polo Bloque que son, segundo a candidata nacionalista, "unha referencia a nivel internacional" por conseguir "situar as persoas no centro" das políticas de ordenación e mobilidade. 

Pontón presume de concellos gobernados polo BNG por conseguir "situar as persoas no centro" e seren "unha referencia a nivel internacional". 

Nun acto en Santiago con rexedores e representantes locais do BNG, a formación nacionalista e Pontón quixeron reivindicar o labor nos concellos onde gobernan. En nome deles falou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que amosou a súa "ilusión" por "dar un salto cara adiante conseguindo que Ana Pontón sexa presidenta da Xunta" para construír tamén "uns concellos do século XXI que fagan que este país teña futuro". 

Ana Pontón repasou o bo facer dos municipios gobernados polo Bloque, destacou os seus "recoñecementos internacionais" e insistiu en trasladar as súas políticas á Xunta a través dunha "axenda urbana galega" coa que aplicar no ámbito autonómico "esa concepción de que o espazo urbano é un dereito". Así, destacou a aposta por "loitar contra o cambio climático", reducir o tráfico, peonalizar amplos espazos, facer un "tratamento ecolóxico" dos residuos ou impulsar a "autoxeración" de enerxía. 

Lores, pola súa banda, gabou a figura de Pontón pola súa "grandísima capacidade política" e porque a ve capz de "modernizar Galicia e os concellos" desde a presidencia da Xunta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.