Pontón salienta a potencialidade que para o sistema urbano galego ten a conexión co Porto fronte ás grandes cidades e o centralismo

Presentación en Madrid do libro 'Unha nova Olanda', de Antón Baamonde © BNG

A portavoz do BNG participa en Madrid na presentación do libro 'Unha nova Olanda', de Antón Baamonde, no que se analizan as vantaxes da configuración territorial galega

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este xoves en Madrid na presentación do último libro de Antón Baamonde, un ensaio que baixo o título de Unha nova Olanda aborda os problemas derivados do centralismo e do feito de terse convertido a capital española “nunha sorte de aspiradora de recursos tanto no ámbito económico, infraestruturas como no ámbito social”. O libro analiza as diferenzas entre as grandes urbes e as cidades galegas que conservan un tamaño á medida das persoas, “o que supón unha vantaxe en termos de calidade de vida, de mobilidade, de preservación do medio ambiente e de posibilidades de organizar o espazo público poñendo no centro ás persoas”.

Presentación en Madrid do libro 'Unha nova Olanda', de Antón Baamonde © BNG

A líder do BNG destacou do ensaio o acerto de analizar como unha oportunidade para Galicia a conexión con Norte de Portugal e, nese sentido, Pontón considera clave potenciar as relacións co eixo atlántico que conecta Porto con Vigo e, de aí, co resto do país. “Un polo de desenvolvemento que, ademais, pode actuar como contrapeso a un centralismo que ignora e prexudica a Galiza”. Potenciar o eixo atlántico, di a nacionalista, “permitirá atraer investimentos, atraer non só poboación senón tamén recursos humanos cualificados e, en definitiva, talento, creación de riqueza e de emprego”.

Pontón puxo como “exemplo de centralismo ou de madrid-centrismo letal para Galiza a explotación da riqueza eléctrica do país por parte de grandes multinacionais que obteñen beneficios millonarios, 11.050 millóns de euros en 2021, sen que iso repercuta nin nas familias, nin nas empresas, ni na clase traballadora, nin siquera nun momento no que a factura enerxética está levando ó límite as PEMES, a sectores produtivos estratéxicos e empobrecendo a maioría social”.

O acto de presentación do libro de Baamonde estivo moderado polo xornalista Xosé Hermida, ex-delegado da edición de El País en Galicia e agora cronista parlamentario dese xornal, e contou coa participación do tamén xornalista e delegado de La Vanguardia en Madrid Enric Juliana.

Pontón tamén foi entrevistada este xoves en TVE, onde salientou que Feijóo “nin é moderado nin é un bo xestor. Deixa unha Galiza peor, onde emigraron 200.000 mozos e mozas, nun país cun gran problema demográfico”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.