Pontón sinala a rehabilitación de casas en Rianxo como mostra da "garantía" do BNG fronte a "fórmulas fracasadas"

Adolfo Muíños e Ana Pontón, nunha das vivendas "dos mestres" que están a ser rehabilitadas en Rianxo CC-BY-NC-SA BNG

Durante este mandato municipal o Concello de Rianxo puxo en marcha un programa de rehabilitación de vivendas con trazos diferentes aos habituais. Baseouno en crear unha bolsa de casas unifamiliares susceptibles de seren rehabilitadas e rehabitadas, facilitando o contacto entre persoas propietarias e as interesadas en recuperalas. En vésperas das eleccións municipais do vindeiro 26M o alcalde da vila e candidato á reelección, Adolfo Muíños, sinala e este e outros proxectos municipais en materia de vivenda como aval á súa xestión e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como mostra da "garantía" que, di, ofrece o Bloque nos concellos fronte a outras alternativas "fracasadas".

Pontón presenta os proxectos de rehabilitación e vivenda social do Concello de Rianxo como evidencia de que "onde gobernamos, transformamos vilas e cidades"

Como avanzara no inicio da carreira electoral, Pontón está a centrar boa parte das súas intervencións de campaña en amosar os concellos onde xa goberna o Bloque como "aval" para pedir o apoio naqueles onde non o fai, alén de apostar pola continuidade dos gobernos da formación. Este martes a visita foi ao concello rianxeiro, centrada na política de vivenda. Proxectos coma este, afirma, evidencian que "onde gobernamos transformamos vilas e cidades" con "proxectos sólidos, que transforman a vida da xente" en eidos como a vivenda.

Neste caso, resalta, o "proxecto de vivenda social en alugueiro que desenvolve o goberno de Rianxo" é "un exemplo de goberno ao favor das persoas que identifica ao BNG". Malia non ser a vivenda unha competencia específica dos concellos, resalta, o goberno de Muíños "apostou por políticas de inclusión, de integración, qeu non deixar a ninguén atrás" e que contrastan, ao seu xuízo, con políticas como as despregadas polo PP durante a crise. O PP "no que milita Feijóo", resalta, é o mesmo que "onde tiña responsabilidade" na materia, "vendeu miles de vivendas de protección a fondos voitre".

Pontón e Muíños, visitando as vivendas rehabilitadas en Rianxo CC-BY-NC-SA BNG

Muíños, alcalde rianxeiro e candidato á reelección, salienta que a rehabilitación das vellas casas de mestres combina a recuperación dos inmobles "coa política social" 

Neste contexto Adolfo Muíños resalta especificamente un dos proxectos de vivenda do Concello de Rianxo, a "restauración dunhas antigas vivendas de mestres que levan cincuenta anos abandonadas" e que agora "van cobrar nova vida para facilitar unha vivenda digna con alugueiro social a familias con poucos recursos" ou "vítimas de desafiuzamentos". Este é un programa que "nos enche de orgullo", afirma, porque "combina rehabilitación urbana no centro do concello con política social".

Muíños prevé que en apenas "un par de meses" estean listas para ser alugadas as primeiras catro vivendas dun proxecto que, afirma, reafirma que "non nos resignamos a non termos vivenda social para atender as familias que o precisan. Nunha segunda fase, adianta, este programa "completarase" coa oferta de "parcelas para a construción de vivenda a prezos accesibles".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.