Pontón ve en Baltar "a Rita Barberá de Feijóo"

Ana Pontón, nun almorzo informativo © BNG

“A pregunta que me fago é por que Feijóo non se atreve a pedirlle a dimisión a Baltar despois desas conversas telefónicas que avergoñan, que agreden as mulleres, que agreden a decencia, que agreden as institucións. A resposta é que Baltar é a Rita Barberá de Feijóo”. Así de contundente se amosou este martes en Ourense a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, que cre que a ausencia de medidas por parte do xefe do Executivo galego é tamén "a proba de que carece de calquera compromiso nin coa igualdade, nin na loita contra a corrupción”.

"Por que Feijóo non se atreve a pedirlle a dimisión a Baltar? A resposta é que Baltar é a Rita Barberá de Feijóo", di Pontón

Así, Pontón contrapuxo “a honestidade e dignidade” do BNG fronte a un partido a piques de sentar no banco dos acusados, que "ten na Deputación a proba da complicidade do candidato popular coa corrupción". Nun acto na capital das Burgas, a candidata nacionalista dirixiuse ás persoas indecisas pero que non dubidan en querer derrotar o PP. “Dígolles que o BNG está disputándolle escanos tanto ao PP como a Ciudadanos nas catro provincias, e que eses escanos son a chave para quitarlle a maioria absoluta a Feijóo", advertiu. 

Ademais, criticou a "competitición" entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias vindo a Galicia como "garantía dun cambio que non foron capaces de levar ao goberno do Estado". “Os dous teñen a mesma credibilidade para vir aquí falarnos de garantía de cambio: ningunha”, dixo, ao acusalos de "ter resucitado a Rajoy cando estaba derrotado, de terlle regalado unha segunda oportunidade tras presentarse como paladíns do cambio”. 

O BNG insiste en que é a súa formación quen "disputa escanos ao PP e Ciudadanos nas catro provincias"

A candidata, que tamén participou nun almorzo informativo, foi clara ao advertir que o 25S “está en xogo o futuro dos galegos e das galegas, non que líder e que forza estatal acumula máis poder político para unhas terceiras xerais”. Ao tempo, puxo en valor a campaña do Bloque que, na súa opinión, está a ter un efecto remontada. "Somos a candidatura que confía no país e cada vez son máis as persoas mirar para nós tras ter comprobado no debate con Feijóo que temos un proxecto solvente e con experiencia para derrotar o PP, por iso non quixo volver debater co Bloque, porque perde” engadiu, tras chamar ao voto e reivindicar o BNG como unha "alternativa sólida, solvente, con ambición de país que confía no que podemos facer como galegos e como galegas”.

Ana Pontón, nun almorzo informativo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.