Poyo, Sangenjo, Puentecaldelas: o proxecto da Xunta para Pontevedra que cadra coa Wikipedia pero borrando o conflito de Ence

Visita da conselleira de Infraestruturas e o alcalde de Pontevedra á estrada entre a capital e Marín, para a que agora se somete a información pública o proxecto entre Mollabao e Os Praceres CC-BY-SA Xunta de Galicia

O proxecto de mellora da vella estrada a Marín inclúe parágrafos idénticos á enciclopedia de internet pero neles desaparece xusto o rexeitamento social á factoría e pola contra “resucita” Elnosa, xa desmantelada

A Xunta ten en marcha por fases a remodelación e mellora da estrada vella de Pontevedra a Marín, a PO-546, da que este luns someteu a exposición pública un novo proxecto para o treito entre Mollabao e Os praceres, o que discorre por detrás da factoría de Ence. O documento, de 573 páxinas, inclúe, ademais dos planos co deseño físico das obras, diversos apartados de descrición da contorna, con datos poboacionais ou socioeconómicos. Neles son varios os parágrafos cuxa redacción é idéntica a outros existentes na entrada relativa a ‘Pontevedra’ da Wikipedia, a enciclopedia colaborativa de internet.

Arriba páxina do proxecto sometido a exposición pública pola Xunta e abaixo a entrada sobre 'Pontevedra' da Wikipedia, cun parágrafo sobre o conflito de Ence non incluído no proxecto CC-BY-SA Praza Pública

O proxecto sometido a exposición pública non cita bibliografía nin ten pés de páxina ou atribucións de fontes nos parágrafos idénticos aos da Wikipedia, cuxa orixe mesmo podería ser outra previa. Pero ao igual que fai a Wikipedia e outros recursos de internet como Google Maps nas súas versións en castelán, nas que se empregan topónimos deturpados en lugar das formas oficiais, tamén o proxecto agora divulgado pola Xunta refírese a Poyo, Sangenjo, Puentecaldelas, Cotobad ou Sotomayor.

Os parágrafos do proxecto referidos á contorna socioeconómica da estrada son idénticos aos da Wikipedia mesmo nos signos de puntuación e neses topónimos deturpados, pero varían nun punto significativo. O documento agora sometido a exposición pública omite, entre varios parágrafos idénticos, un que na Wikipedia dá conta da oposición social á permanencia de Ence na ría de Pontevedra, a carón da estrada que agora se vai remodelar. 

Portada do proxecto para a estrada Pontevedra-Marín sometido a exposición pública pola Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O proxecto non cita bibliografía nin ten pés de páxina ou atribucións de fontes, e sitúa Elnosa aínda na zona malia que xa foi desmantelada nun proceso iniciado en 2018

O proxecto da Xunta limítase a citar a presenza de Ence e o tamén veciño centro de investigación forestal de Lourizán, pero a continuación salta o parágrafo sobre a conflitividade da factoría ata o seguinte no que tamén a Wikipedia di que “dentro do complexo de Ence en Lourizán sitúase tamén a empresa química Elnosa”. Unha referencia esa da Wikipedia e do proxecto da Xunta xa obsoleta, posto que a factoría de Elnosa veciña da de Ence xa está completamente desmantelada tras un proceso de peche iniciado hai catro anos.

Non é a primeira vez que proxectos sometidos a exposición pública pola Consellería de Infraestruturas inclúen parágrafos idénticos aos da Wikipedia. Xa sucedeu o mesmo hai unha década cos estudos previos para os despois aparcados metros lixeiros da Coruña, Santiago e Vigo. [Unha ducia de (presuntos e polémicos) plaxios galegos].

Proxectos dos metros lixeiros da Xunta e entrada idéntica da Wikipedia CC-BY-SA David Reinero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.