PP e Ciudadanos amagan con iniciar a lexislatura con senllas iniciativas pola unidade de España

Albert Rivera e Mariano Rajoy © Goberno de España

As forzas políticas comezan a explicitar as súas prioridades na nova lexislatura estatal. Na edición máis recente do barómetro do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS), correspondente a decembro do pasado ano, as cuestións territoriais tiñan un peso residual nas preocupacións cidadás. Nomeadamente, o epígrafe "os nacionalismos" é sinalado como preocupación polo 3,4% da poboación, mentres que "Estatutos de Autonomía" só lle preocupa ao 0,2%. Alén da elocuencia que poida traer consigo que unha determinada ideoloxía política sexa ponderada por unha institución estatal como "problema", estes datos veñen amosar que os posibles cambios na organización territorial do Estado están lonxe de pesar tanto na vida cotiá da poboación como "a corrupción e a fraude" (38%), "os problemas de índole económica" (24%) ou "de índole social" (11%). Así e todo, a cuestión da "unidade de España" será a primeira que, segundo avanzaron PP e Ciudadanos, prevén abordar no novo Congreso dos Deputados.

Segundo o CIS, a cuestión territorial preocupa a apenas o 3% da poboación, mentres que a corrupción ou a economía superan o 30% e o 20%, respectivamente

Despois de que na noite electoral chovesen as críticas cara a Podemos e as forzas soberanistas por poñer en primeiro termo a posibilidade de organizar un referendo de autodeterminación en Catalunya para negociar posibles pactos, semella que o debate territorial e mesmo identitario chegará primeiro dende a banda dereita. Ante a posibilidade formulada pola formación de Pablo Iglesias, pero tamén polo PSOE, de comezar a tramitar iniciativas parlamentarias antes da formación do novo Goberno -encamiñadas, por exemplo, á derrogación da LOMCE e da reforma laboral, entre outras-, o PP advertiu de que, se finalmente o resto de grupos forzas o inicio da actividade parlamentaria, o PP provocará que un dos primeiros debates sexa o territorial.

Os populares admiten que a intención da iniciativa sería forzar a posición do PSOE

En plena expectativa ante a posible formación dunha alianza de esquedas para investir a Pedro Sánchez, o responsable sectorial dos populares, Javier Maroto, advirte de que "se a posición maioritaria é que exista actividade parlamentaria, o PP presentará unha iniciativa" que "diga de forma moi clara que o dereito de autodeterminación" non é un "dereito das comunidades autónomas". A intención, admite Maroto, non é sacar adiante medida ningunha en concreto, senón "ver cal é a posición do PSOE" e responder á cesión temporal de Senadores que os socialistas realizaron a prol de Esquerra Republicana e Democràcia i Llibertat -un deles, o lucense Ricardo Varela-, para favorecer que ambos grupos cataláns poidan constituír grupos propios na Cámara Alta.

Rivera advirte de que procuraría impedir un pacto dos socialistas con Podemos se entende que implica risco de "ruptura"

A advertencia do PP chega xusto despois de que Ciudadanos formulase tamén o debate unionista como o primeiro do novo período. Segundo o partido de Albert Rivera o debate dunha proposición coma esta é prioritaria para "defender a unidade de España, da Constitución e da soberanía nacional e frear calquera intento dun goberno autonómico, como o catlán, de subvertir a orde constitucional". O partido laranxa, di Rivera, vai presentar esta proposición non de lei para "deixarlle claro" á Generalitat que "o Parlamento funciona e defende os valores constitucionais que garanten a soberanía nacional". "España -proclama- non é un mapa troceado, senón un mapa que representa a igualdade".

No caso de debaterse e chegar a aprobarse esta inicaitiva instaría o Goberno en funcións a "frear a intención da Generalitat de separar os cataláns do resto de españois". Trátase, afirma Rivera, de "que os españois se poidan sentir orgullosos das súas institucións", nun contexto no que amaga, asemade, con procurar impedir un posible pacto de goberno entre PSOE e Podemos se entende que isto implica risco de "ruptura".

Albert Rivera e Mariano Rajoy © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.