PP e PSOE resístense a asumir a súa caída en Galicia

Feijóo analiza os resultados no Comité de Dirección do PPdeG © PPdeG

Todos "toman nota" pero poucos fan unha verdadeira autocrítica ante uns resultados das eleccións europeas que volven mover os marcos da política galega. A perda de 220.000 votos do PP e as súas peores cifras; a constancia de que o PSdeG xa non é a referencia principal do progresismo e que é superada pola suma da esquerda rupturista en todas as cidades; o mal resultado do BNG, que ve como segue tocado pola desintegración do nacionalismo e a irrupción de alternativas; ou mesmo o descenso de AGE, que se mantén como terceira forza pero que ve no seu aliado Podemos unha ameaza que aínda pode converter en compañeiro fundamental. Galicia remexeu o panorama e os seus principais partidos aínda están en shock.

O PPdeG cre que Galicia "desconfía da esquerda parlamentaria" malia que PSdeG, AGE e BNG superan os votos dos populares

As formacións parlamentarias fan análise tan só un día despois de coñecer o resultado dos comicios. O PPdeG, logo do seu comité de dirección, recoñece que debe "reflexionar e mellorar", pero segue a presumir de que Galicia "confía no PP" e que, non obstante, "desconfía da esquerda parlamentaria". Así o asegura o seu secretario xeral, Alfonso Rueda, malia que esa "esquerda parlamentaria" (PSdeG, AGE e BNG) supera en bastante máis de 50.000 votos os dos populares galegos.

E ese precisamente o dato ao que se agarra o PSdeG, que destaca o "positivo" de que a suma dos partidos de esquerdas, incluíndo a Podemos, supere en máis de 120.000 votos o PP. "Hai unha clara maioría de esquerdas e o PP rexistrou o seu peor dato en 30 anos", dixo o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, logo de analizar coa cúpula do partido uns resultados que recoñece que "nin son satisfactorios nin os agardados". Aínda así, prefire centrarse nese "repunte" que supuxo "un punto e medio máis" que "non é suficiente".

PPdeG e PSdeG centran o seu éxito no fracaso do seu rival mentres ambos seguen a perder apoios

Populares e socialistas céntranse no mal do seu veciño para alixeirar a dureza dun resultado que golpea claramente o bipartidismo. Tamén en Galicia. Así, Rueda insistiu en destacar a vantaxe de máis de 13 puntos que o PPdeG saca ao PSdeG en Galicia e en destacar que o PPdeG "ten mellor resultado que o PP e o PSdeG teno peor que o PSOE". "Os galegos desconfían maioritariamente dos socialistas", insistiu.

Os socialistas galegos perderon case 200.000 votos, practicamente os mesmos que suman AGE e Podemos

Na outra banda, e malia que a suma de AGE, Podemos e BNG xa o supera en 50.000 votos, o PSdeG ten a súa vitoria no descenso da dereita. Malia descender en 14 puntos o seu apoio e deixar polo camiño case 200.000 votos con respecto ás anteriores eleccións europeas. Case os mesmos que suman AGE e Podemos, dúas forzas das que aínda non había noticias hai cinco anos. Por iso, di, "toma nota" e promete traballar para "recuperar" os votos que marcharon a outras opcións ou á abstención.

Tamén o BNG promete tomar nota, tras recoñecer que o resultado non é o que lles "gustaría" malia destacar que "cumpriu o obxectivo de garantir a representación directa de Galiza na Eurocámara". O seu portavoz nacional, Xavier Vence, cre "especialmente meritorio" un dato que sitúa o BNG como quinta forza política logo de perder máis dun punto de apoio e uns 25.000 votos. A fragmentación sufrida polo nacionalismo explicaría este descenso, segundo o Bloque.

O BNG considera "asumible" perder un punto tras a fragmentación do nacionalismo e a "censura" dos medios públicos

"Somos perfectamente conscientes de onde vimos, de onde estamos e a onde queremos chegar", insistiu Vence, que tamén destacou a campaña "marcada pola austeridade" da súa formación, así como "a censura nos medios públicos e o intento de criminalización" que sufriu a súa coalición con Bildu. "Perder apenas un punto en porcentaxe de voto é asumible", engade.

Pola súa banda, AGE, que analiza este luns os seus resultados, xa avanzou a súa satisfacción por unhas cifras que consolidarían a coalición e a súa terceira posición no panorama político galego. Pero Alternativa ve en Podemos unha oportunidade máis que unha ameaza ao seu liderado da esquerda rupturista. Así, Martiño Noriega, coordinador nacional de Anova, ve na irrupción desta formación unha oportunidade para continuar a traballar no que cualifica como "concentración parcelaria da esquerda".

De feito, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, colaborou na anterior campaña de AGE para as autonómicas e sempre se mostrou moi achegado, tanto aos métodos da coalición como ao seu líder, Xosé Manuel Beiras. Non obstante, quen coincide na súa análise deste novo fenómeno son Alfonso Rueda e os críticos de Anova. O secretario xeral do PPdeG considera que "os que quixeron manifestar o seu desencanto votando a AGE en 2012 mostrárono agora votando a Podemos".

PSdeG e Bloque dubidan de que o fenómeno Podemos perdure no tempo

Case todos os partidos coinciden en restar importancia á irrupción de Podemos. Besteiro di ter "máximo respecto" polos seus resultados pero dubida que o seu éxito perder máis "dunha ou dúas convocatorias". Ademais, o BNG cre que "non se poden extrapolar os resultados a outros comicios". "Hai forzas que xorden en tres meses pero que en tres meses tamén poden ter un resultado moi diferente", dixo Vence, que no entanto lembra que o Bloque "quere ser o referente en Galiza de todas as persoas que apostan por proxectos de esquerda e contestatarios".

Besteiro e Blanco, no inicio da campaña CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.