O grupo de goberno de Santiago, de Compostela Aberta, chegaba ao pleno deste luns coa práctica seguridade de que non ía poder sacar adiante a súa proposta de ordenanzas fiscais, na que se incluía o incremento do tipo xeral do IBI do 0,54% -o máis baixo das cidades galegas- ao 0,57% e un tipo especial do 0,90% para inmobles non residenciais, así como unha modificación do réxime de descontos e un gravame dos pisos baleiros, entre outros cambios. A iniciativa bateu coa oposición pero non do xeito agardado, dando lugar ao paradoxo de que a proposta finalmente aprobada foi a do segundo grupo con menos edís -4 de 25-, o PSOE, que contou para facelo co apoio do PP.
Despois de múltiplas xuntanzas entre goberno e oposición prevíase que na sesión plenaria estivesen tres posturas sobre a mesa a respecto do tributo de bens inmobles. Por unha banda, o incremento e demais modificacións propostas en clave de "progresividade" polo goberno. Por outra, o mantemento deste tributo no 0,54%, que dende cadansúas posturas e con propostas complementarias en sentidos diferentes, prevíase que votasen PP e BNG. Ficaba, pola súa banda, a iniciativa do PSOE, que defendía rebaixar o IBI ata 0,51% para, segundo o seu voceiro, Francisco Reyes, facelo "acorde á situación actual e real do poboación de Santiago, nomeadamente das familias medias e traballadoras".
O PP mudou a súa postura e, no canto de votar a súa proposta de manter o IBI no 0,54%, votou a baixada promovida polo PSOE
No entanto, á hora de fixar posición o exalcalde popular, Agustín Hernández, ratificou o xiro de guión que implicaba non só rexeitar as ordenanzas propostas polo goberno, senón tamén as que estiveron en vigor mentres el mesmo foi alcalde. Para o voceiro conservador que Compostela Aberta procure máis recadación pola vía de impostos para incrementar o gasto social non é máis ca "demagoxia", xa que eses cartos, defende, pódense lograr cunha xestión máis "áxil" do Concello. No mesmo sentido, Reyes proclama que é posible obter máis fondos para gasto social, que el mesmo reclama, se o goberno local "xestiona ben".
O Bloque, pola súa banda, non se uniu á votación e defendeu a súa emenda de manter o tipo no 0,54%, que foi apoiada por Compostela Aberta. Tamén saíu adiante a bonificación do 35% que propuña aplicar ás vivendas de protección oficial. Para o nacionalista Rubén Cela, que si rexeitou outras propostas do goberno como incrementar o tributo sobre vehículos, o acontecido este luns é "unha mala nova" e socialistas e populares non amosan unha postura responsable.
Resposta de Noriega
"Para isto non facía falta tanta camiñada", retrucou visiblemente molesto o alcalde, Martiño Noriega, para quen a inesperada alianza de socialistas e populares pode ser considerada unha "moción de censura encuberta pola vía fiscal". Populares e socialistas, denuncia o rexedor, veñen de instalarse nunha posición "terriblemente irresponsable" que derivará en que o Concello ingrese 2,7 millóns de euros menos do previsto, toda unha "hipoteca", en verbas da edil de Facenda, María Rozas, que dá lugar a que o PP gobernase cunhas ordenanzas fiscais "mellores que as que se aproban agora". Os de Hernández, censura Noriega, abxuraron da súa política fiscal e emendaron "o seu propio criterio" para que o PSOE "non os adiantase pola dereita", di, na xornada en que, no entanto, os socialistas si van permitir sacar adiante a reforma fiscal da Marea Atlántica na Coruña.
Noriega ve na alianza unha "moción de censura encuberta" e reta a PP e PSOE a "gobernar"
"Se queren gobernar vostedes, gobernen vostedes, democraticamente poden, pero fágano", retou Noriega dirixíndose ás bancadas de PP e PSOE. Tras tomaren conxuntamente esta decisión, que para o alcalde compostelán marca "un antes e un despois", Hernández e Reyes seguiran sen estar "gobernando e van quedar moi tranquilos na súa casa", mentres "nós -en referencia ao equipo de goberno- imos quedar moi apurados cando teñamos que tomar decisións de onde recortar o diñeiro que vai quedar sen ingresar". "Está claro -conclúe a responsable de Facenda- que me trabuquei cando dixen que o PP tiña sentido da responsabilidade".