PP, PSdeG e BNG sentan o martes a negociar os debates electorais

Rueda acode con Puy ao comité electoral do PP © PPdeG

Coas tres formacións parlamentarias metidas de cheo na precampaña electoral PP, PSdeG e BNG teñen unha cita o vindeiro martes. Será na sede da CRTVG e sobre a mesa estarán as condicións dos debates electorais entre os seus candidatos á Presidencia da Xunta, unha rara avis na política galega que, desta volta, semella poder facerse realidade. Despois de que no inicio do mes os responsables de campaña de populares, socialistas e nacionalistas intercambiasen cartas a respecto da posibilidade de organizar estes encontros agora toca pechar as condicións. E farano nunha xuntanza entre Alfonso Rueda e os seus homólogos de PSdeG e BNG, Pablo García e Montse Prado.

A TVG e a Radio Galega retransmitirán o que, a priori, serán dous 'cara a cara'

O propio conselleiro da Presidencia e xefe de campaña do PP recoñecía este sábado que na semana que remata xa mantivo contactos con García para "empezar a preparar os debates", uns intercambios públicos de idea que xa salvaron o que noutras ocasións foi un obstáculo -pola banda do PP-, o medio en que se celebrarán. As tres formacións políticas coinciden na idoneidade de que a TVG e a Radio Galega se encarguen de retransmitir o que, a priori, serán dous 'cara a cara', un entre Alberto Núñez Feijóo e o candidato socialista, Pachi Vázquez, e outro protagonizado polo aspirante á reelección e o cabeza de cartel do Bloque, Francisco Jorquera.

Dende as tres formacións asegúrase que abordarán as negociacións sen condicións previas e, se ben semella que desta volta primará a vontade de debater, dende a banda conservadora xa se lanzan mensaxes que pechan a porta a unha das posibilidades formuladas polo BNG e aceptada polo PSdeG: que os debates a dous se complementen cun a tres bandas. Segundo Rueda "na anterior convocatoria non puideron ter lugar" debates electorais "por negarse o PSOE a debater se non era cun escudeiro ao lado". Daquela Feijóo vetou a posibilidade de celebrar encontros deste tipo por considerar que concorrería a unha pugna de "dous contra un". No aire está tamén unha das posibilidades preferidas polos populares, que aos debates de Feijóo con Jorquera e Vázquez se una un terceiro no que senten á mesma mesa os candidatos de PSdeG e BNG.

Rueda acode con Puy ao comité electoral do PP © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.