PPdeG, PSdeG e BNG recibirán 4 millóns de euros en subvencións polas eleccións xerais

Electorado agardando para votar nun colexio electoral de Lugo CC-BY-SA Merixo

Os resultados das eleccións non só se miden en votos e escanos. Tamén teñen unha lectura máis desapaixonada e fría, pero tanto ou máis importante para o funcionamento das formacións políticas, na que a unidade de medida son os euros. En función dos seu apoio nas urnas os partidos políticos reciben máis ou menos cartos das "subvencións aos gastos orixinados por actividades electorais" que concede o Goberno central. No caso dos comicios ás Cortes Xerais do pasado 20 de novembro, as votacións nas catro circunscricións galegas traduciranse en 4 millóns de euros nas arcas de PPdeG, PSdeG e BNG.

Como funcionan as subvencións electorais?
Concepto
Escano no Congreso ou no Senado 21.633/escano
Votos a candidaturas con representación no Congreso 0,83/voto
Votos a senadores con escano 0,33/voto
Envíos de propaganda para partidos con grupo propio 0,22/elector

Nesas eleccións o partido máis votado nas catro provincias foi o PP e, polo tanto, é tamén o máis beneficiado economicamente. Non obstante, a porcentaxe de cartos que ingresará é maior á dos sufraxios recibidos tanto para o Congreso como para o Senado. Así, nas votacións á Cámara Baixa os conservadores recibiron o apoio do 52,53% do electorado, pero obteñen o 60,7% das axudas, o que se traduce en 1,04 millóns de euros. Aínda que en menor medida, tamén ten unha certa sobrerrepresentación económica o PSdeG, que cun 27,81% dos sufraxios queda co 29,7% dos fondos, isto é, 509.629 euros. Mentres, o BNG, cun 11,18% dos votos queda no 9,5% da súa tradución económica, 163.759 euros.

Neste escenario, as regras das subvencións dan lugar a que as axudas recibidas polos escanos e votos ao Congreso sexan as únicas que reciban os nacionalistas galegos pola súa representación no Congreso. Mentres, o feito de teren grupo propio dálles dereito a populares e socialistas a optaren á compensación por "envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral". Por este concepto, a cota de ambas formacións, a razón de 22 céntimos por cada un dos 2,3 millóns de electores, incrementa en 507.525 euros.

Os ingresos do Senado

Pero o factor que desequilibra a balanza destas subvencións a favor dos dous grandes partidos estatais son os resultados ao Senado, onde o BNG nunca logrou representación directa -os tres senadores nacionalistas, Anxo Quintana, Francisco Jorquera e Xosé Manuel Pérez Bouza, fórono por designación autonómica-. Polos votos que recibiron os seus nove senadores, os conservadores galegos suman 774.049 euros e en concepto de asignación directa por eses escanos, 259.599. Mentres, pola banda socialista, o Senado achega 133.346 euros por votos e 86.533 por escanos.

Así as cousas, unha ollada global a todas as contas permiten concluír que o balance das eleccións xerais do 20 de novembro nos partidos galegos implica, ademais do incremento de poder para o PP, da perda do PSdeG e do mantemento do BNG, 2,6 millóns de euros para os populares, 1,2 millóns de euros para os socialistas e 163.759 para os nacionalistas.

Distribución das subvencións por escanos, votos e circunscricións
  PPdeG PSdeG BNG
CONGRESO € por votos € por escanos € por votos € por escanos € por votos € por escanos
A Coruña 343.270,10 108.166,65 151.106,48 43.266,66 64.694,35 21.633,33
Lugo 100.780,26 64.899,99 50.926,31 21.633,33 0 0
Ourense 96.110,68 64.899,99 47.592,20 21.633,33 0 0
Pontevedra 235.785,57 86.533,32 130.210,40 43.266,66 55.798,41 21.633,33
SENADO € por votos € por escanos € por votos € por escanos € por votos € por escanos
A Coruña 304.283,43 64.899,99 51.999,42 21.633,33 0 0
Lugo 110.733,15 64.899,99 18.109,41 21.633,33 0 0
Ourense 105.090,48 64.899,99 16.899,96 21.633,33 0 0
Pontevedra 253.942,59 64.899,99 46.337,28 21.633,33 0 0

 

Subvencións aos partidos polo 20N CC-BY-SA Elaboración propia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.