Primeira xuntanza do BNG e os partidos da ALE para elaborar unha candidatura para as Europeas

Ana Miranda, no Parlamento Europeo © Parlamento Europeo

Representantes das nove formacións políticas do Estado español integradas na Alianza Libre Europea (ALE), mantiveron este martes unha reunión nas dependencias do Congreso dos Deputados, en Madrid, para analizar o traballo realizado no seo desta agrupación no presente exercicio. Ademáis, iniciaron as conversas en torno á conformación futura dunha candidatura conxunta ás próximas Eleccións ao Parlamento Europeo, que se celebrarán o vindeiro 25 de maio de 2014.

Á reunión asistiron o secretario xeral da Alianza Libre Europea, Jordi Solé, e a eurodeputada da coalición Europa dos Pobos-Verdes, Ana Miranda (BNG). Tamén participaron os nove representantes das formacións integradas en ALE: ERC, BNG, EA, Aralar, Bloc Nacionalista Valenciá, CHA, Nueva Canaria, PSM-Entesa Nacionalista, Partido Andalucista. Tamén estiveron presentes o director da Alianza Libre Europea en Bruxelas, Gunther Dauwen, e a súa coordenadora política, Eva Bidania.

Este mesmo martes Vilaweb especulaba coa posibilidade da conformación dunha grande candidatura nacionalista, da que formarían parte a meirande parte destas nove formacións, e outras coma o PNV e Compromís. Practicamente todos os grandes partidos nacionalistas do Estado, agás CiU e Coalición Canaria. Porén, esa mesma infomación recollía as dúbidas dalgún destes partidos, comezando por ERC, pendente dunha hipotética candidatura "polo dereito a decidir" con CiU. Ou de Compromís, que podería concorrer con Equo ou nalgunha candidatura de esquerdas. Vilaweb sinala en calquera caso que a primeira opción de ERC neste momento é a de repetir a coalición coa que concorreu hai 5 anos (con BNG, Aralar, EA, CHA...), coa incorporación de novas forzas, como Compromís ou o PSM.

O Parlamento Europeo © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.