PSdeG e BNG acusan a Xunta de compensar só a concellos do PP o recorte de axudas aos municipios

Álvaro Santos, amosando un gráfico co recorte do plan de camiños © Deputación de Lugo

Antes das eleccións municipais os fondos para arranxar camiños nos diferentes concellos disparáronse ata un 82% e foran presentados con ampla difusión por parte da Xunta malia seren financiados por varias Administracións, fundamentalmente pola UE. Nas últimas semanas o Goberno galego está a presentar a edición do plan para os anos 2017 e 2018, que trae consigo un afondamento no recorte xa iniciado en 2016. No caso da provincia de Lugo o recorte ascendeu a ata 6,6 millóns de euros, unha cantidade que PSdeG e BNG reclamaron repoñer a través do pleno da Deputación. Os conservadores opuxéronse, un "non" que, segundo os grupos da esquerda, ten a súa explicación en que a Xunta xa compensou o recorte amplamente por outra vía, pero só aos concellos do PP.

O cálculo realizado polos socialistas lucenses baséase en datos tirados de convenios asinados entre diferentes departamentos do Goberno galego e concellos da provincia, información que só chega ata finais de 2016, toda vez que que a Xunta non actualiza o rexistro público de convenios dende novembro do pasado ano. Así, din, antes de aplicar a tesoirada "repartiron en sete meses dende a Xunta" ata "13,1 millóns de euros para mellorar infraestruturas" en 21 concellos lucenses, 19 deles con goberno do PP que suman 13,2 millóns de euros en achegas directas.

Os gobernos locais populares beneficiados por estes acordos, salientan, foron Abadín, Antas de Ulla, As Nogais, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Cervo, Cospeito, Foz, Friol, Guntín, Mondoñedo, O Vicedo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Portomarín, Riotorto e Sober. Mentres, pola banda das alcaldías distintas ás do partido que goberna na Xunta só ingresaron fondos por este concepto A Pastoriza e Viveiro, ambos do PSdeG, con 3 millóns e 29.700 euros, respectivamente.

"Cos 13 millóns de euros que repartiron a dedo entre uns poucos concellos do PP e os 4 millóns que destinan ao plan de camiños poderíase deseñar un perfecto plan único para todos"

A xuízo do voceiro do goberno da Deputación, Álvaro Santos, "cos 13 millóns de euros que repartiron a dedo entre uns poucos concellos gobernados polo PP" sumados "aos 4 millóns que destinan ao plan de mellora de camiños" poderíase "deseñar un perfecto plan único para toda a provincia". "Pero non, para os lucenses, migallas; este é o plan único do PP". Nun sentido semellante o voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro, censura que o propio PP estea a "presumir do plan único da Deputación" con xuntanzas en diferentes puntos da provincia pero "onde teñen capacidade para decidir non o fan, senón que fan todo o contrario; co seu dedo repartidor castigan os cidadáns que non os votan e benefician con diñeiro de todos aos amigos do PP".

A Deputación de Lugo salienta que esta diferenza de trato en función da cor política non só se produce nesta provincia. Así, dende o goberno provincial repasáronse tamén os convenios do resto do país para subliñar, por exemplo, que no mesmo período na provincia da Coruña a Xunta distribuíu 8,04 millóns a 22 concellos do PP, 7,7 a gobernos encabezados polo PSdeG, 115.000 euros a 3 concellos das Mareas -A Pobra, Santiago e Ferrol- e un ao Concello de Miño, cuxo alcalde concorrera baixo as siglas de CxG, do que foi expulado.

En Pontevedra, indican os mesmos datos, a Xunta achegou durante o pasado ano 7,4 millóns a 16 concellos do PP, 635.500 a 3 gobernos do PSdeG, 22.000 ao Concello de Cangas, encabezado pola marea local, e apenas 200.000 a outros dous concellos liderados por grupos independentes. En Ourense, agregan, "destinan o 100% dos fondos a municipios gobernados polo PP", con 5,3 millóns distribuídos en 22 concellos.

Álvaro Santos, amosando un gráfico co recorte do plan de camiños © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.