PSdeG e BNG auguran que o recorte de Rajoy só traerá "sufrimento" e "saqueo ao pobo"

Pachi Vázquez e Ana Pontón CC-BY-SA Praza Pública

O paquete de recortes anunciado por Mariano Rajoy no Congreso dos Deputados colleu os grupos da oposición galega no propio Parlamento, onde a Deputación Permanente -órgano que substitúe os plenos en períodos inhábiles- celebraba unha sesión e ao presidente da Xunta na localidade madrileña de Aranjuez, á que acudira a pronunciar unha conferencia nos cursos de verán da Asociación de Xornalistas Parlamentarios das Cortes. Neste contexto, a propia ausencia de Alberto Núñez Feijóo foi un dos argumentos que estiveron sobre a mesa na valoración de "urxencia" realizada polo secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, quen censura que tamén este mércores o xefe do Goberno galego "escapase da realidade" malia a un anuncio que vai "directamente ao corazón da estrutura socioeconómica de Galicia".

Despois de que o líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, realizase un morno discurso na súa réplica a Rajoy, Vázquez amósase sensiblemente máis belixerante, actitude que xustifica pola especial incidencia que, asegura, o recorte terá no país, por factores como o feito de que "a maior parte dos nosos cidadáns son parados e pensionistas". Por iso, di, "os que representamos a milleiros de cidadáns enganados" están a "dicirlle que este engano só deriva en sufimento, recesión e paro". "Se fose sufrimento para sacar adiante este país, habería que apertar os dentes e tirar cara a adiante, pero só vai producir sufrimento" mentres no plan anunciado por Rajoy "non hai unha soa medida para grandes patrimonios, para a banca ou para os tramos altos do IRPF". Os recortes, abonda, "sempre afectan aos elos máis febles da cadea".

Vázquez: "Eu, que estou curtido en moitas cousas, quedei impresionado co que se nos vén enriba"

Neste contexto Vázquez anuncia "iniciativas nos próximos días" para tentar que Feijóo "explique por que enganou a este país" xunto a Rajoy, a comezar pola pasada campaña das pasadas eleccións xerais, nas que realizou "propostas que son as contrarias" das que se aprobarán. "O máis grave é que esta fraude electoral masiva non serve para máis que disparar as listas do paro" e "facer caer espectacularmente o consumo". "Hoxe vimos todos que isto era unha fraude, puidémolo comprobar escoitando a Rajoy e vendo ao PP aplaudindo". "Eu, que estou curtido en moitas cousas, quedei impresionado do que se nos vén enriba", di.

Pontón: "Estas medidas benefician a banca pero prexudican o pobo"

Prexuízos para a poboación son tamén os que augura a voceira do BNG na Cámara, Ana Pontón, para quen o paquete de recortes "o único que ofrece son menos dereitos sociais", unha "suba de impostos con carácter inxusto" e "un importante recorte ás persoas desempregadas". Son "medidas erradas", di a nacionalistas, que "o único que van provocar é que profundemos máis na crise" e que "demostran que o PP está ao servizo dos intereses da banca", aínda que isto supoña "un saqueo ao pobo". Neste contexto Pontón non dubida de que o Estado "está intervido", como ao seu entender reflicten "medidas que son xemelgas das que se aplicaron en Grecia, Irlanda e Portugal. "O grave -salienta- é que se sabe que teñen un efecto devastador dende o punto de vista social" porque "provocan desigualdades moi fortes". "Benefician a banca pero prexudican o pobo", sintetiza.

Tamén o Novo Proxecto Común (NPC) e Compromiso por Galicia (CxG) manifestaron o seu rexeitamento ao recorte. Así, dende a asemblea do NPC en Ourense vese no anunciado por Rajoy un "golpe de Estado por decreto lei" que constitúe un "exercicio de miseria política, con as máis curtas miras de quen se considera o pedáneo de Angela Merkel", cargando "todas e cada unha das facturas da crise nos colectivos que teñen máis necesidades: parados, dependentes, xubilados e traballadores". Mentres, dende a Executiva nacional de CxG Manuel González considerou os novos recortes como o "ataque máis grave á convivencia social das últimas décadas, en Galicia e no Estado" que, ademais, procuran "cabezas de turco da crise" como os traballadores públicos. En opinión de González "existen alternativas, como a eliminación das deputacións, coa que se achegarán máis de 20.000 millóns de euros" ou "a loita contra a fraude fiscal, en lugar de que a crise a paguen os sectores sociais máis vulnerables".

Feijóo: "Cada español debe un diñeiro"

Feijóo: "A débeda pública é a débeda de cada unha das familias"

Mentres isto acontecía en Compostela, dende Madrid o presidente da Xunta defendía as medidas de Rajoy, a comezar por unha suba do IVE que o seu xefe de filas non aplica "porque lle apeteza", senón porque é "a solución menos mala" e porque con ela, di, poden "aforrarse intereses na débeda pública, porque ao final a débeda pública de España é a débeda pública de cada unha das familias e dos españois". Aínda que este incremento "vai supoñer un esforzo para todos", segundo Feijóo ten máis "pros" que "contras" e, en todo caso, razoa que cada cidadán do Estado "debe uns cartos polo feito de ser español" e, polo tanto, debe contribuír individualmente para reducir a débeda do Estado. "Imos ver se somos quen de cadrar en consecuencia e o pagar un pouco máis polo incremento do IVE e aforrarnos unha cantidade similar pola diminución dos xuros da débeda", di.

En termos xerais o xefe do Goberno galego coida que a "comparecencia" de Rajoy estivo "á altura do seu cargo, da situación dificilísima na que está España e á altura da enorme confianza que os españois despositamos neste presisdente". Nesta liña, e recuperando un argumento que ten empregado para si mesmo en numerosas ocasións, subliña que cre "nos presidentes e gobernos que se desgastan para intentar que non se desgate ao seu país". "As medidas que estamos adoptando nun momento de pesimismo e de moito escepticismo veranse nos próximos anos como o momento dun gran cambio reformista nas políticas españolas", resolve.

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.