"A gatas e arrastrándose, xerando desconfianza e incertidume". Deste xeito anunciou o Goberno de Mariano Rajoy, segundo o líder do PSdeG, Pachi Vázquez, os novos recortes de 10.000 millóns en sanidade e educación. Tanto os socialistas galegos como o BNG cargaron con dureza contra unha tesoirada que consideran "agresiva" e tamén contra o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, polo seu "silencio cómplice". Ambos os dous partidos pediron ao xefe do Executivo galego que dea a cara e "aclare" a súa posición ante este axuste que para os nacionalistas supón tamén "un golpe de estado ao autogoberno".
O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, amosou a súa preocupación "polo novo escenario que se abre" no Estado tras o novo anuncio de recortes en sanidade e educación, o que considera o "tiro de graza" a estes dous servizos públicos, e censurou a actitude de Núñez Feijóo ao ser "cómplice necesario" ante unha tesoirada que, segundo cálculos dos socialistas, suporía "entre 700 e 800 millóns menos" para os sistemas sanitario e educativo galegos.
O PSdeG calcula que o recorte suporá "entre 700 e 800 millóns menos" para a educación e a sanidade galegas
Ana Pontón, voceira do BNG no Parlamento, coincidiu tamén no "silencio cómplice" de Feijóo ante uns recortes que considera "un golpe de estado contra os dereitos sociais e o autogoberno galego". Ademais, emprazou ao presidente da Xunta a que "aclare cal vai ser a súa posición perante este atentado", aínda que agoirou que "será fiel á política agresiva do PP" en lugar de "defender a Galiza e aos seus cidadáns".
“Feijóo ten que nos aclarar –engadiu- que posición vai manter nun asunto tan relevante para o país, que vai ter consecuencias dramáticas e negativas. A súa primeira obriga como presidente é defender o noso autogoberno, a nosa sanidade e a nosa educación”, dixo Pontón, nunhas declaracións nas que coincidiu con Pachi Vázquez, que advirte que as decisións adoptadas polo Executivo de Rajoy "non son unha cuestión económica, de mercados, senón ideolóxica". "Non o ismos consentir; os que prometeran non tocar a sanidade e a educación agora tocan todo, especialmente a sanidade e a sducación”, censurou o líder dos socialistas.
"O que hai que regular son os mercados e poñer a economía ao servizo da sociedade", di o BNG
Vázquez, ademais, reprocha á Xunta e ao seu presidente que estean “fuxidos” sen asumir ningunha responsabilidade e lembra que, nestes tres anos, Feijóo xa recortou 1.200 millóns de eurosen educación e sanidade. Para Ana Pontón, pola súa banda, estes recortes do Goberno central "non van solucionar a crise, senón que van agravala, destruindo máis emprego nestes ámbitos concretos e incrementando as desigualdades sociais". "O que hai que regular son os mercados, evitar que se poida especular coa débeda pública, en definitiva poñer a economía ao servizo da sociedade e non a sociedade ao servizo dos especuladores", engadiu a voceira nacionalista.
Xa por último, tanto o PSdeG como o BNG criticaron con dureza a forma na que o Executivo anunciou o recorte de 10.000 millóns de euros. Para os nacionalistas, o comunicado foi un método "antidemocrático" ao modificar uns Orzamentos aprobados polo Parlamento galego. "Demostra como o PP está inmerso nunha estratexia de desmontar o autogoberno, cando para saír da crise, ou temos máis capacidade para enfrontar os problemas dende Galiza ou camiñaremos cara un modelo que xa coñecemos e xa sabemos cales son as súas consecuencias”, engadiu. Os socialistas, pola súa banda, insistiron en que a noticia foi comunicada aos españois "por abaixo".