PSdeG e PP meten présa á xustiza para evitar as consecuencias electorais da 'Patos'

Abel Caballero, en rolda de prensa © Concello de Vigo

O alcalde de Vigo e novo presidente da FEMP, Abel Caballero, volveu reiterar que non ten nada que ver coa trama corrupta que investiga supostas irregularidades en contratacións públicas de varias admiistraciones de Galicia e pola que foron imputados 46 persoas, entre eles numerosos cargos públicos, técnicos e políticos, como a delegada da Xunta na mesma cidade, María José Bravo Bosch, ou o presidente do PP de Pontevedra e ex presidente da Deputación, Rafael Louzán.

Caballero pregúntase se "outros" poden dicir "clariño como a auga" que non teñen "nada de nada de nada" que ver coa 'Patos'

Despois de negalo con anterioridade, o rexedor socialista de Vigo pregúntase se "outros doutras administracións" imputados como el na operación Patos poden dicir "clariño como a auga" que non teñen "nada de nada de nada" que ver coa trama corrupta de presuntos subornos e amaños en contratos públicos coas empresas Cespa e Eiriña. Ademais, di que rexeita as acusacións "con máis forza e ímpeto" que antes.

Caballero nega que recibise agasallo ningún da construtora Eiriña, á que se sinala como o centro da trama, e asegura que hai documentación que corroboraría que eses agasallos que se lle atribúen foron devoltos pola propia compañía. Ademais, a secretaria de organización do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela, mostrou tamén a súa confianza no alcalde vigués, que nas últimas eleccións conseguiu unha abultadísima maioría absoluta.

PP e PSdeG piden "celeridade" á xustiza polo temor ás consecuencias negativas da operación 'Patos' para os dous partidos

Por outra banda, e do mesmo xeito que o PSOE galego, o PP de Galicia tamén pide "celeridade" á xustiza para minimizar as consecuencias deste proceso, sabedores de que pode afectarlles -e moito- de face ás eleccións xerais e os próximos comicios autonómicos de 2016.

O PP tampouco as ten todas consigo. Entre os imputados están Rafael Louzán e María José Bravo, xa que os investigadores ven sospeitas en varias e variadas adxudicacións de obras. Miguel Tellado, portavoz do PPdeG, advirte que a súa formación respecta a actuación xudicial pero insiste en non esquecer a presunción de inocencia. Ademais, en declaracións á Cadea SER, pide "non utilizar politicamente este tema para sacar vantaxe política porque sería un erro". Mentres, a Marea de Vigo pediu a dimisión de todos os imputados na causa, mentres que o BNG esixiu tamén responsabilidades.

A Marea de Vigo pide a dimisión de todos os imputados na investigación da presunta trama corrupta

Por outra banda, a dirección federal do PSOE mostra a súa "confianza absoluta" na inocencia do alcalde de Vigo e non tomará de momento medidas disciplinarias contra Caballero nin lle pedirá que renuncie aos seus cargos porque, o código ético deste partido di que esa esixencia chega a partir da apertura de xuízo oral.

Louzán, nun acto da Deputación © Deputación de Pontevedra
Abel Caballero, en rolda de prensa © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.