PSOE e PP din 'non' ás contas da Coruña, que Ferreiro ligará á cuestión de confianza se non hai acordo axiña

PP e PSOE votan xuntos no pleno de orzamentos da Coruña © Concello da Coruña

Tampouco desta vez haberá presuposto na Coruña. O pleno rexeitou neste mércores o proxecto de orzamentos do goberno local para 2017, que foi apoiado polo grupo da Marea Atlántica e que contou coa abstención do BNG. PP e PSOE volveron coincidir no seu rexeitamento ás contas e o alcalde, Xulio Ferreiro, puxo un prazo de dúas semanas para chegar a un acordo cos socialistas, aos que pediu que decidan "de que lado están". De non ser así, someterase a unha cuestión de confianza nos primeiro mes do vindeiro ano para poder aprobar as contas.

PP e PSOE votaron en contra do proxecto de orzamento do goberno local, que apoiou a Marea e que contou coa abstención do BNG

O proxecto do goberno local foi rexeitado, polo que serán prorrogadas as contas de 2016. Pero tamén se rexeitou a emenda que transaccionou o executivo local tras o acordo ao que chegou este martes co BNG e mediante a cal se incorporaban diversas partidas propostas polo grupo nacionalista por valor de arredor dun millón de euros. PP e PSOE uníronse no seu voto contra a emenda e que suporía darlle para diante ás contas, mentres que Marea e Bloque votaron a favor. Ao tempo, populares e socialistas votaron a favor do ditame negativo do proxecto orzamentario que saíu da Comisión plenaria de Facenda, o que derivou finalmente na non aprobación das contas. 

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, agradeceu a vontade de chegar a acordos do BNG e cargou contra PSOE e PP por "preferir deixar caer uns orzamentos que se centran en mellorar a vida das persoas que peor o están a pasar e que promocionan o dereito a unha vivenda digna”. O alcalde, Xulio Ferreiro, nada máis acabar o pleno, advertiu que se dará de prazo dúas semanas para chegar a un acordo cos socialistas. Desde o grupo da Marea Atlántica insistiuse nas críticas a populares e socialistas por "non ter presentado achega ningunha" ás contas, acusándoos de querer a toda costa botar abaixo as contas tras non presentar emendas.

A Marea acusa a PP e PSOE de "deixar caer os orzamentos" sen facer achega ningunha e por intereses partidistas

De non haber acordo, Ferreiro someterase a unha moción de confianza. Repetiu a advertencia tan só un día despois de que o PP instase o PSOE a presentar unha moción de censura para "cambiar o rumbo" e logo de reclamar "un rescate" para a cidade da Coruña. O rexedor dixo que se daba "uns días" para negociar cos socialistas.

"De non darse o acordo, iremos á aprobación a través da cuestión de confianza", engadiu, nunha postura que hai tan só uns días tomara o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ante a unión de todos os grupos contra as contas do seu goberno, que finalmente foran aprobadas tras a abstención da Marea. Na Coruña, Ferreiro dáse "dúas semanas" de prazo e insta o PSOE a que decida "de que lado quere estar", ademais de reclamarlle que "antepoña" os intereses da cidade por riba dos da súa formación. 

Ferreiro pareceu abrir a porta tamén a unha posible entrada do PSOE no goberno local tras anunciar o traslado dunha "proposta concreta, non só de orzamentos senón mesmo de relación; a partir de aí, falaremos do presuposto". Con todo, e ante as intencións dos socialistas de negociar as contas desde cero, o alcalde foi claro e advertiu que se sometería antes a unha cuestión de confianza que á posibilidade que pretende o PSOE. 

De non haber acordo nos vindeiros días, Ferreiro botará man do artigo 197 da actual lei electoral. É o que outorga ás alcaldías a posibilidade de formular unha cuestión de confianza, isto é, de propiciar unha votación en pleno sobre a continuidade ou non do goberno ligada á aprobación de catro tipos de asuntos, un deles os orzamentos xerais do concello.

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.