Publicar os bens dos deputados: concesión ou obriga?

Reunión da Xunta de Portavoces deste martes © Parlamento de Galicia

O vindeiro 25 de marzo, en plena Semana Santa, o Parlamento de Galicia publicará nun espazo da súa web as declaracións de bens dos deputados e deputadas por segunda vez. Esta publicación responde a un acordo da Mesa da Cámara -órgano reitor do lexislativo galego- e non a unha obriga legal. Ademais, os documentos que os parlamentarios e parlamentarias van amosar non son as declaracións patrimoniais que todos teñen a obriga de depositar no Pazo do Hórreo para adquiriren a condición plena de representantes da cidadanía, senón un formulario concibido especificamente para ser feito público e cuxos contidos, aínda que regulados, poden ser máis ou menos completos en función do que cadaquén considere oportuno.

A diferenza fundamental entre unha e outra declaración é que a inscrita ao inicio de cada lexislatura no Rexistro de Intereses da Cámara está realizada ante unha notaría que acredita a súa veracidade. Ademais, para acceder as declaracións de bens e actividades, que segundo o Regulamento do Parlamento teñen "dependencia directa" da Presidencia da institucións, cómpre unha "autorización" da xefa do lexislativo. No que atinxe aos bens patrimoniais "en ningún caso" están "máis que á disposición da Comisión do Estatuto dos Deputados", a única cuxas xuntanzas e deliberacións son secretas.

O que se publicará será unha declaración elaborada para facerse pública, non os datos patrimoniais que cada deputado achega ao comezo da lexislatura

Neste contexto, e entre reclamacións xerais de "máis transparencia" por parte dos grupos da oposición, é no que xurdiu unha petición do BNG ao respecto. Para incrementar a información á disposición da cidadanía sobre os bens dos deputados, "nós considerábamos que o máis transparente era publicar as declaracións de bens patrimoniais" rexistradas ao inicio do período lexislativo para así "evitar duplicidades" e "unha declaración ad hoc que pode diferir da que se achegou ao Parlamento", di o seu voceiro, Francisco Jorquera. Pero a maioría do PP impediu sacar adiante esta proposta, así que na web do Parlamento figurará o modelo de declaración voluntaria para todos os deputados, mentres que "esta mesma semana, na web do BNG", os deputados da formación "publicarán a súa declaración de bens patrimoniais", sinala Jorquera.

O BNG publicará a declaración completa dos seus deputados na súa web

Pola banda do PP a súa vicevoceira, Marta Rodríguez Arias, segue o guión marcado polo voceiro, Pedro Puy, para xustificar a negativa á petición do Bloque. As declaracións voluntarias que se van facer públicas conteñen "moitos máis datos que a declaración de patrimonio de cando tomamos posesión", di a conservadora, quen ademais pon o acento no "paso moi importante" que supuxo que "o presidente e os conselleiros teñan publicado o seu patrimonio" no DOG e na web da Xunta, na que ademais figuran declaracións da renda de Alberto Núñez Feijóo "dende antes de ser presidente".

A reforma pendente

Todos os grupos aseguran ser partidarios de que a publicación sexa obrigatoria

Pero, que acontece se a maioría parlamentaria deixa de querer que estes bens sexan públicos? Actualmente, nada. Para que a publicación dos bens non dependa da vontade da maioría de quenda esta debería ser obrigatoria, xa fose a través dunha lei ou do propio Regulamento parlamentario. Este é o acordo ao que chegaron todos os grupos parlamentarios e, ademais, o propio Feijóo aseguraba a pasada semana, durante a sesión de control na que foi cuestionado a respecto dos casos de presunta corrupción que lle afectan ao PP, que o seu grupo impulsará unha reforma regulamentaria para que revelar os bens sexa unha obriga e non unha concesión.

Se, finalmente, o PP se decide a encetar o proceso de reforma semella que non atopará obstáculo ningún. Así, dende AGE a súa vicevoceira, Yolanda Díaz, subliña que a coalición reclama "máxima transparencia" tamén neste ámbito e que un bo marco para poñer a andar novas medidas é a comisión de estudo para a prevención da corrupción que vén de ser creada. Tamén o socialista Abel Losada se amosa partidario da modificación, se ben coida que o anuncio realizado polo presidente "foi outro dos coellos que saca da chistera o señor Feijóo". No PSdeG están "dispostos a publicar o patrimonio", subliña, e, mentres, "o que ten que facer" o líder popular "é aceptar que os altos cargos do seu goberno publiquen os seus patrimonios", porque "contra iso si que votou en contra".

Reunión da Xunta de Portavoces deste martes © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.