'Puertas de Galicia', 2,5 millóns de euros nun plan turístico que "só é fume"

Parte do merchandising da iniciativa © Puertas de Galicia

Máis de tres anos despois da súa posta en marcha, e despois de ter gastado máis de 2,5 millóns de euros, o plan de competitividade turística Puertas de Galicia segue dando que falar. Foron varias as ocasións en que o plan, destinado a promocionar Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós e Vilariño de Conso, foi criticado polo seu excesivo custe en relación cos resultados e beneficios reais que lles reportaba aos concellos participantes, e estas críticas foron máis claras en Castrelo de Val que en ningunha outra localidade. Agora, este concello vén de ser expulsado oficialmente do consorcio que promove esta iniciativa, aínda que o seu alcalde, Vicente Gómez (PSdeG-PSOE), xa se desmarcara definitivamente do proxecto hai uns días.

Gómez finalizou a súa relación con Puertas de Galicia denunciando unha vez máis que as actuacións do plan "non se ven reflectidas no concello" e cualificando o proxecto no seu conxunto de "só fume". Ademais, Gómez criticou que "non contaban co Concello de Castrelo para nada. A nosa opinión non se tiña en conta nas xuntazas" e descartou que o seu abandono se debera a cuestións políticas, tendo en conta que se trataba do único concello gobernado polo PSdeG-PSOE. A comisión de seguimento do proxecto, presidida polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, reclámalle o pago de cinco min euros que, din, Castrelo de Val se comprometera a achegar ao proxecto. Vicente Gómez xa anunciou que o seu concello non vai aboar esa cantidade que lle reclaman .

Castrelo de Val incidiu en varias ocasións en que os concellos participantes descoñecían en que se estaban gastando os cartos. En total, o plan tivo un investimento inicial de 2,5 millóns de euros

Castrelo de Val incidiu en varias ocasións en que os concellos participantes descoñecían en que se estaban gastando os cartos. En total, o plan tivo un investimento inicial de 2,5 millóns de euros (dos que se gastaron 290 mil euros en 2010, 744 mil en 2011, 786 mil en 2012 e 680 mil en 2013) e cada unha das tres administracións promotoras da iniciativa (Xunta, Turespaña e concellos) achegarían un 33%. A Castrelo de Val correspondíanlle 14 mil euros divididos en catro anualidades.

O proxecto incluía un centro BTT, o deseño de varias rutas en bicicleta, un centro de aventura en Laza, accións de mellora na Vía da Prata, a construción dun bosque máxico, ou a posta en marcha dun tren turístico entre Laza e Puebla de Sanabria. Porén, segundo denuncian varios alcaldes, varias destas actuacións non foron nin sequera iniciadas. Ademais, criticáronse varios dos gastos realizados, por exemplo, en elementos de merchandising, como cuncas de cerámica (11 mil euros), bolsas e libretas (21 mil euros), pendrives (21 mil euros) ou para a presenza en varias feiras turísticas, considerados "excesivos". Tamén se gastaron máis de 50 mil euros na edición de folletos, 21 mil no deseño e impresión de planos, 40 mil en guías en GPS, 92 mil nun plan de eficiencia comercializadora do destinos, 150 mil euros en novas sinalizacións, 49 mil nunhas Xornadas de enogastronomía ou 55 mil na Implantación dun distintivo de calidade.

Captura de pantalla da aplicación para móbiles de 'Puertas de Galicia' Dominio Público Puertas de Galicia
Parte do merchandising da iniciativa © Puertas de Galicia
O plan estaba ideado inicialmente para promocionar turisticamente unha ducia de concellos © Puertas de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.