Puigcorbé: "Catalunya non se vai botar atrás e quen se empeñe niso, que desista"

Juanjo Puigcorbé, durante a entrevista con Praza CC-BY-SA Merixo

Juanjo Puigcorbé (Barcelona, 1955), sorrí con amplitude ao ser cuestionado polo proceso político no que se atopa inmersa Catalunya. De visita en Compostela para participar nunha xornada divulgativa organizada polo Consello de Diplomacia Pública catalán, asegura rebordar "ilusión" polo futuro do seu país, unha ilusión "tan grande, tan boa e tan positiva que só pode levar a cousas boas". Aínda que é consciente de que tomar partido lle pode pasar factura no ámbito profesional, Puigcorbé explica que tenta abrirse paso entre a "propaganda" para dar conta de que o movemento polo dereito a decidir e, en última instancia, pola independencia de Catalunya, é "enorme" e non vai "contra ninguén". Tras o rexeitamento do Congreso dos Deputados á transferencia de competencias para convocar a consulta non perde nin un chisco de esperanza. Só están en contra "quen teñen o poder nas mans e non o queren soltar", afirma.

Un actor que vén a Galicia para falar de política. Co que os critican por estaren “politizados”!
Si [ri]. Eu pronuncieime publicamente dende hai tempo. No Twitter, pero tamén nunha entrevista en Jot Down, que é a primeira que me publicaron. Eu facía moitas entrevistas profesionais polas obras de [Juan] Mayorga que estaba a facer e cando me preguntaban polo tema moitos optaban por non poñelo, a maioría. Pero Jot Down deu a entrevista íntegra e por fin foi público e notorio o meu pensamento. Dende entón eu impliqueime bastante máis, por exemplo na Vía Catalana, para a que fixen un anuncio, ou no acto de ERC no que fixen un discurso. Eu aceptei o convite de Diplocat para que a xente saiba e vexa que isto non é unha deriva do presidente Mas. En absoluto, aínda que sexa o que sempre reflicte unha prensa determinada. Iso é mentira. É un movemento cidadań, de abaixo, enorme. Viuse na Vía Catalana, con dous millóns de persoas que non pedían votar, pedían a independencia. Quen quere votar sobre o futuro político de Catalunya é o 80% da poboación. Este movemento é da sociedade civil e dos grupos políticos, que se engadiron e canalizaron isto. Nestes actos debe estar xente da sociedade civil, eu represento unha parte desa sociedade civil, que é moi ampla.

Téndese a caricaturizar este movemento como un delirio de seguidores de Artur Mas aínda que nel estean representados sectores amplos da sociedade, caso por exemplo dos actores e actrices?

"No Congreso os partidos maioritarios son os inmobilistas, en Catalunya a composición é á inversa"

O movemento cidadán en Catalunya acolle dende os sindicatos, con CCOO e UGT que están nas convocatorias polo dereito a decidir, ata a CUP, que é o movemento máis á esquerda. Temos dende monxas de esquerdas [ri] ata Unió Democrática. Que os actores esteamos implicados en política é un tópico para algunhas persoas. Neste caso hai unha certa confusión porque moitos medios informativos deforman a realidade e non acaban de saber se o movemento é de esquerdas, de dereitas, burgués, non burgués... Pero por sorte no Congreso dos Deputados 47 votos a favor son de grupos pequenos, todos periféricos, que votaron a favor do traspaso da competencias para convocar a consulta. E quen se negou foron os grandes partidos políticos que se alternan no poder máis outro que é UpyD, que é unha mestura dos dous. Hai uns partidos maioritarios inmobilistas e outros que están a favor do cambio. En Catalunya a composición é á inversa: o 80% quere o cambio e un 20% de representantes do inmobilismo. Isto quere dicir que hai unha cidadanía moi activa cara ao cambio, que non nos gusta esta situación. A unha gran parte da sociedade española tampouco lle gusta a situación actual do país nin a cara a onde vai, cada vez maís oligárquico. Pero non ten os instrumentos para facelo, e Catalunya, si. Os cambios sempre comezan dende abaixo e son periféricos, e en Catalunya é periférico e de abaixo. Iso é o que negan os partidos oficialistas, e por iso din que isto é nacionalismo excluínte e esas cousas. O que queremos é votar e un Estado propio, porque a opción federal, que era a que moitos defendiamos, non avanzou en absoluto. Para que queremos ese Estado que non pode ser federal porque é imposible? Para termos un Estado moderno, democrático e novo, que sexa exemplar e sexa seguido polos demais pobos da Península, nunha cousa aque se poida chamar Confederación Ibérica ou o que sexa. E iso comeza por un lado, como en toda a historia. E vista a posición de Izquierda Plural no Congreso creo que, a partir de aquí, moito compañeiros non posicionados terán claro que pensan publicamente os seus partidos, pode saír un cambio de aquí.

Vostede tivo unha forte implicación co PSC. Decepcionouno o PSC e, por extensión, o PSOE?
Eu mesmo estiven facendo un mitin con Maragall no Palau Sant Jordi falando do federalismo. Pero decepcionoume moito o que votaron no Congreso os 14 do PSC, porque ademais levábano no programa electoral. Paréceme unha traizón aos seus votantes. Unha parte do PSC xa marchou, unha parte integrouse na candidatura de Esquerra Republicana e, evidentemente, o PSC é o PSOE, xa ten moi pouco de PSC. Nas próximas eleccións verase o que pasa. Moita xente fuxiulles a Ciutadans, moitos a ERC, outros a Iniciativa e outros a Convergència. Hai unha diáspora e ese partido e o PP, os partidos que pechan filas arredor da Constitución e do poder, vanse reducindo.

Téntase reter a Catalunya en España non pola sedución, senón por todo o contrario?

"Danse unhas condicións perfectas para que Catalunya sexa líder do cambio, e vaino ser"

Nós non temos nada en contra do resto dos españois, nada de nada, malia á gran propaganda que se está a facer. Eu vivo en Madrid dende hai dez anos e nunca tiven ningún problema. A miña dona é española e a min encántame España. En catalán non existe unha verba descualificativa para dicir “español”, as verbas “catalufo” e “polaco” non teñen equivalente. Nunca existiron. En troques, moitos galegos en Catalunya chámanse “catallegos” e iso é bo, porque están dicindo que hai unha simbiose entre os dous. Os nosos adversarios tiveron que ir buscando ata atopar a palabra “charnego”, que non se utiliza dende hai, como mínimo, vinte e cinco anos. Tivérona que rescatar, por rescatar algo. O voceiro da CUP, David Fernández, é de Zamora, hai grupos de castelanfalantes pola independencia, como Súmate ou os Xitanos pola Independencia. Todo o mundo quere estar na construción dese Estado novo, e iso paréceme fermoso. É un movemento democrático moi grande e todo quen o apoie recibirá en compensación máis democracia. Danse unhas condicións perfectas para que Catalunya sexa líder do cambio, e vaino ser. Quen se empeñe en que non sexa así que desista, porque Catalunya non vai desistir.

Unha das patas deste proceso está sendo a pedagoxía no resto do Estado. Por que é importante recabar a solidariedade doutros territorios?
Para que todo o mundo saiba que non hai nada contra ninguén, que é o que se di dende os papeis oficiais, que isto é contra todo o mundo, que somos uns nazis... é todo o contrario. Cando Rosa Díez di que somos uns hispanófobos e todos eses insultos é mostra de que están asustados e de queren asustar a poboación con parvadas. O que ninguén pode obviar é que estamos diante da segunda transición democrática dende hai uns anos e houbo varios puntos de inflexión; o debate no Congreso está indicando que hai dous bandos no Congreso, un minoritario e o dos grupos que teñen o poder dende hai 36 anos e non o queren ceder. Estamos nesa tensión centrífuga e centrípeta e diante dela todos os cidadáns do Estado se van posicionar. A desgraza é que, á marxe de internet e dos medios dixitais, a información está moi manipulada.

Avanzar malia a eses obstáculos é un triunfo do proceso?
En Catalunya só hai, como moito, un 25% de medios distintos do resto da Península. Se estes constrúen eses adoutrinados que chaman, o 80% non consegue adoutrinalos. Eu vivo en Madrid, non vexo TV3 e non podo estar adoutrinado [ri].

O proceso catalán enfócase, en boa medida, cara a Europa. Pero dende Madrid advírtenos de que van quedar fóra da UE...

"O non recoñecemento implica quedar con toda a débeda e iso é inasumible para España"

Xa, pero isto non o cre ninguén. Se ficamos fóra da UE será porque Madrid se empeña. Se o Estado español votase en branco, aceptaríannos. Se nos ameazan con quedar fóra será porque eles porán o veto, punto. E se din que a economía vai ir fatal será porque calculan o boicot. Iso son parvadas que pode contrarrestar calquera persoa que faga números. O que están dicindo é que non nos van facilitar nada de nada, pero á súa vez, se un se informa ben entende que o non recoñecemento da outra parte implica quedar con toda a débeda, o cal é inasumible para España, a prima de risco poríase polas nubes. E os produtos, irían todos por Irún ou en barco ata Marsella? É unha absoluta memez, a perrencha podería durar un anaco e sería dos grupos de poder, porque á xente da rúa dálle o mesmo. A xente da rúa ten os mesmos problemas ca nós, a diferenza é que nós estamos máis preto de arranxalos.

Perciben nalgún punto do Estado que lles din “non nos deixen sós” ou “lévennos con vostedes”?
Se collemos, poden vir todos [ri]. Catalunya é filla da inmigración. Cando Susana Díaz sae dicindo que en Catalunya hai un millón de andaluces... Non, hai un millón de cataláns de orixe andaluza, cataluces ou como queiramos dicilo, igual que hai cataláns de orixe galega. Ninguén vai deixar prantados os seus irmáns, Catalunya é un pobo solidario, dos máis solidarios do mundo. Porque somos un país pequeno que viaxou moito, que se abre ao mundo. Por iso tamén insisten en deformar calquera pensamento positivo que poida ter a xente, por iso a propaganda vai cara a aí.

Que vai pasar despois do 9 de novembro, haxa urnas ou non, eleccións plebiscitarias ou non... Que vai pasar o día 10?

"Non é cuestión de sentirnos cataláns ou españois; eu síntome un cidadán do mundo que quere administrarse con leis propias"

Ninguén o sabe. Pero o que sabemos é que a xente ten unha vontade moi firme de seguir adiante e os políticos que nos representan no Parlament, tamén. A sociedade catalá non se vai botar atrás, iso é algo que terá que ter claro calquera negociador. Os pobos do mundo vannos aceptar, con que nos acepte un ou dous, xa está o proceso iniciado. E todo o mundo sabe que son bastantes máis ca un ou dous, algúns moi poderosos. É un entendemento co resto dos nosos irmáns, porque non se pode dicir doutro xeito. Non é unha discusión de sentirnos cataláns ou españois, iso é unha estupidez na que non quero nin entrar. Eu síntome un cidadán do mundo que quere administrarse con leis propias. Pero non quero que dende moi lonxe me cambien unha lei que escolleu o meu Parlamento. O feito de que somos unha nación evidénciao, ademais da historia, que o 87% da poboación, segundo as enquisas, acataría o resultado da consulta. Se o acata quere dicir que entende que é un ámbito especial para escollelo, co cal están dicindo que isto é unha nación.

Pero seguiranlles dicindo que o Barça terá que xogar a liga catalá de fútbol...
Todas as ligas de Europa queren que ese equipo estea na súa liga, porque iso son moitos cartos. Os primeiros que pedirán que o Barça estea na liga española serán os españois. Non hai ningún problema práctico, o problema é político porque quen ten o poder nas mans non o quere soltar, e chámanse PP e PSOE e esa cousa que se chama UPyD. Estes grupos representan o statu quo e non queren moverse, o que non quere dicir que os seus votantes pensen o mesmo. Pero eses partidos son inamovibles. Fixeron ese servizo, moitos estivemos ao carón dun ou doutro, pero isto xa pasou e queremos outra cousa. 

Puicorbé, durante a entrevista CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.