Ás nove e media da mañá deste sábado Pachi Vázquez reune a Executiva Nacional do PSdeG nun hotel compostelán. Nesa xuntanza vai perfilar a proposta que, unha hora máis tarde e no mesmo lugar, lle presentará ao Comité Nacional, máximo órgano entre congresos, como roteiro para a renovación do partido. Á falta de "matices", o actual secretario xeral proporá unha data para o congreso extraordinario, previsiblemente comezos de xullo, e exporá a súa aposta para renovar a secretaría xeral. Vázquez asegura ser consciente do "clamor" interno que pide que a próxima persoa que ostente o liderado saia elixida dunhas eleccións primarias, o procedemento que os estatutos federais do PSOE contemplan para designar cabezas de lista ás eleccións, pero non dirixentes internos. Eis a cuestión.
Segundo Vázquez da súa man non sairá nada que "confronte con Ferraz", ningún procedemento "antiestatutario" que leve ao conflito coa dirección do PSOE, a mesma que xa o advertiu por carta de que o "único procedemento establecido pola normativa interna" para elixir líder é que os delelegados e delegadas do propio congreso extraordinario voten a tal efecto. Así, lémbranlle, foi como quedou fixado no último congreso federal, "sen prexuízo" de que as regras poidan ser modificadas no futuro. Pero no entorno do político do Carballiño asegúrase que nada muda con esta advertencia. Se cadra ese é o motivo que o leva a explicar a súa proposta en termos de "consulta" ou de aposta por que "vote toda a militancia", pero non de primarias, verba que non pronunciou na reunión que a Executiva mantivo o pasado xoves, segundo confirman membros deste órgano.
Dadas as condicións de partida, quere isto dicir que Pachi Vázquez avanza cara a un pulso coa cúpula de Alfredo Pérez Rubalcaba, ao xeito do PSC pero por motivos orgánicos? Dende a dirección do PSdeG mantense que nada máis lonxe da realidade. Están convencidos, din, de que a vía das primarias consultivas para designar un secretario ou secretaria xeral que despois sería formalmente elixido polos delegados do congreso é perfectamente "encaixable" nas actuais regras do xogo, sen sequera ter que "confrontar" con Madrid. En calquera caso, subliñan, o secretario xeral non vai renunciar a que voten "todos os militantes".
Pero dende os sectores críticos afloran certos receos, e velaquí o dobre fío. Todos os grupos internos concordan coa necesidade de renovar a secretaría xeral en primarias, pero algúns coidan que Vázquez formula unha batalla que sabe perdida. As primarias, consultivas ou non, serán vetadas por Ferraz, auguran algunhas das fontes consultadas, e habería que adiar o proceso ata finais de ano, despois de que a conferencia política do PSOE renove os estatutos do partido e permita activar o principio "un militante, un voto" para elixir cargos internos. Por iso, explican, o sábado escoitaranse voces no comité nacional que instarán o secretario xeral a "deixar de lado as estratexias persoais".
Novo Socialismo Galego
"Se hai oportunidade de que toda a militancia se exprese pola vía que sexa, nós ímolo apoiar"
Este é o pano de fondo ante o que se desenvolverá o Comité Nacional do sábado, o órgano de máis de 300 membros no que é de agardar que a actual Executiva atope múltiples reclamacións de celeridade para activar a renovación. "Nós dicimos que ten que haber un congreso antes do verán" xa sexa "en xuño, en xullo... non imos poñer problemas pola data", explica Xoaquín Fernández Leiceaga, un dos cabezas visibles de Novo Socialismo Galego. En conversa con Praza Pública Leiceaga explica que este colectivo acode ao Comité Nacional coa intención de a xuntanza sexa "o primeiro paso para a renovación do partido", e isto implica "convocar un congreso extraordinario para renovar a mensaxe, o discurso, as estruturas internas e, polo tanto, tamén a dirección e o secretario xeral".
Neste sentido, Leiceaga avanza que "se hai oportunidade para que poida expresarse toda a militancia, pola vía que sexa, nós ímolo apoiar", xa que NSG vénse manifestando "a favor de que vote toda a militancia". "Se a votación ten que ter un valor menor e ser refrendada despois do congreso, como mal menor tamén nos vale". Así, e partindo da base de que Pachi Vázquez é quen "promove" esta fórmula e que el mesmo é tamén "membro da Executiva federal", o ex parlamentario agarda que a consulta se poida realizar. "Se non se pode ou tira a toalla", o congreso tería que estar "moi aberto á participación máxima da militancia". En calquera caso, subliña, agarda que un eventual conflito con Ferraz non sexa empregado como "impedimento para que a renovación se produza".
O papel de Besteiro
Fontes socialistas consultadas por Praza maniféstanse tamén convencidas de que esta será tamén a posición que chegue dende o PSdeG de Lugo que encabeza José Ramón Gómez Besteiro, o tamén presidente da Deputación luguesa que xa manifestou a súa intención de dar "un paso á fronte cando chegue o momento de comprometerse". Mentres algúns membros do Comité mesmo valoran a posibilidade de que Besteiro realice na xuntanza do sábado algún xesto encamiñado a ratificar que concorrerá á secretaría xeral, dende o entorno do lugués ponse o acento en que a súa aposta esencial é que o PSdeG precisa un "cambio de rumbo e de liderado" e que ambas circunstancias se teñen que producir antes do verán.
Besteiro xa avanzou que dará "un paso á fronte cando chegue o momento de comprometerse"
Consciente dos atrancos que poden chegar dende Ferraz, as mesmas fontes ratifican que Besteiro é partidario de dar cunha "fórmula" que permita "consultar" á militancia para elixir secretario xeral e, sen lanzar abertamente dúbidas sobre as intencións de Pachi Vázquez, subliñan que o lugués coida que un eventual veto de Rubalcaba "non pode ser unha escusa" para prolongar todo o proceso congresual. Nesta liña, o propio Besteiro sinalaba hai escasos días ante a prensa que el defenderá "un papel moi activo dos militantes" no proceso. "Un pode estar de acordo coa legalidade" interna do partido "ou non, pero mentres exista hai que cumprila e é positivo tentar cambiala, pero movinme, móvome e movereime dentro dos marcos de referencia do partido". Ao tempo, os argumentos que chegan dende o seu círculo máis próximo sintetízanse na idea de que o novo ideario do partido e tamén a persoa que "o encabece" teñen que estar presentados ante a sociedade galega canto antes, toda vez que o seu primeiro gran reto será artellar unha "estrutura forte" de partido cara ás municipais de 2015.
Corrente 'En Positivo'
"O congreso debe incorporar o sistema de elección directa do secretario ou secretaria xeral"
Outra das sensibilidades que estará presente no Comité é a da corrente En Positivo, que leva desenvolvendo diversos encontros coa militancia dende comezos de ano. Ante a cita do sábado esta plataforma subliña que manterá a sú aposta pola "refundación do proxecto política e da estrutura organizativa", unha "renovación" que debe pasar, ao seu xuízo, por un congreso ordinario que "renove o proxecto político e todas as estruturas do partido". "Para iso -explican- este congreso debe incorporar o sistema de elección directa pola militancia do secretario ou secretaria xeral", xa que "de non facelo, non será un verdadeiro proceso de renovación, tal e como agarda a militancia e a sociedade galega".
Como o resto de grupos internos En Positivo reclama tamén que do Comité Nacional saia "un calendario" para o congreso, cuxas "regras de xogo" convirtan a cita nunha "solución real" e non nun "novo parche político". Así, din, o colectivo vai "fuxir de debates nominais" e seguirá "presentando o seu proxecto no territorio e nas agrupacións locais" para "formular solucións de calado".