Que fixeron os eurodeputados galegos ao chegar?

Pleno en Estrasburgo CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

A nova lexislatura europea xa está en marcha. Tras a conformación dos novos grupos parlamentarios e a elección dos presidentes da Eurocámara e da Comisión as institucións comunitarias retoman o funcionamento e os eurodeputados e eurodeputadas póñense a traballar. Nas Cámaras de Bruxelas e Estrasburgo sentan actualmente catro galegos e galegas, un no Grupo Popular, outro no Socialista e dous no da Esquerda Unitaria. Ademais, o BNG e CxG impulsan xa iniciativas a través das coalicións nas que participaron nos comicios de maio. Pero, cales foron estas primeiras tarefas?

Pola banda popular o que foi o seu referente galego en campaña, Francisco Millán Mon, rexistrou este martes a primeira iniciativa da lexislatura, unha proposta de resolución "sobre a situación en Ucrania" na que, destacan os conservadores nun comunicado, "incide na necesidade de que se cumpra a tragua establecida" e fan "un chamamento a Rusia para que se implique na solución do conflito", xa que, acuas, "contribuíu a desencadealo" cun "comportamento contrario ao dereito internacional". Tamén, asegura o PPdeG, Millán Mon "interveu para apoiar" que o Tratado de Libre Comercio cos Estados Unidos sexa "ambicioso, equilibrado e mutuamente beneficioso".

Millán Mon comezou cunha proposta sobre Ucrania e Senra, reivindicando unha renda básica europea

Dende o Grupo Socialista o eurodeputado José Blanco aínda non rexistrou iniciativa ningunha, se ben xa foi nomeado membro da Comisión de Desenvolvemento Rexional e suplente nas de Industria e Pesca e interviu este mércores para reclamar un incremento do orzamento para combater o paro xuvenil. A representante de AGEe, Lidia Senra, comezou a súa actividade formal na UE cunha intervención na sesión celebrada en Estrasburgo o pasado día 14. Nela, recolle a acta, Senra explicou que "veño de Galiza, un pobo dos que conforman a realidade plurinacional do Estado español, un pobo que, ao igual que o resto dos pobos do sur, padece fame, exclusión social e pobreza". Nesa intervención apelou a que "unha das prioridades deste Parlamento" sexa establecer unha renda básica universal europea "e o pleno emprego, así como un salario mínimo que permita vivir dignamente do noso traballo".

BNG e CxG

Aínda que polo momento sen escano -o seu acordo con Bildu implica unha presenza compartida- tamén o BNG comezou a traballar na Eurocámara a través da súa representante, Ana Miranda. Por medio de Josu Juaristi, Miranda xa avanzou a súa intención de "rexistrar de inmadiato unha iniciativa sobre o sector naval para garantir que se cumpra o levantamento do veto nos estaleiros públicos ferroláns, unha proposta en relación á Rede Natura, toda vez que a Xunta segue a ignorar as recomendacións europeas" e outra para instar a prohibir o uso de cianuro nas explotacións mineiras. No ámbito da pesca a primeira proposta, sinala Miranda, aposta por "renegociar o acordo pesqueiro con Mauritania, que finaliza a finais de 2014, para incluír a frota cefalopodeira".

O Bloque e Compromiso canalizan as súas primeiras iniciativas a través dos deputados de Bildu e PNV, respectivamente

No caso de Compromiso por Galicia, que concorreu aos comicios en coalición co PNV, a primeira iniciatia foi encamiñada a "mellorar, no seo da Eurocámara, os principios de acordo sobre uso de linguas cooficiais" para estender o galego, o euskera e o catalán nas institucións da UE. Formalmente presentadas a través da europarlamentaria Izaskun Bilbao CxG impulsou tamén unha iniciativa para que os fondo europeo de garantía xuvenil sexa xesitonado pola Xunta e non maioritariamente polo Estado e unha terceira, con forma de pregunta, para reclamar que o franquismo sexa incluído nos programas europeos de memoria histórica.

Pleno en Estrasburgo CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.