"Que xente como Fraga gobernase debilita calquera democracia"

Jorge Rivas, cunha avoa da Plaza de Mayo © FBJorgeRivas

Todos os 14 de abril, de agora en diante, conmemorarase o Día Nacional do Exiliado Español. Será na Arxentina, logo de que a Cámara de Deputados aprobase hai dez días e por ampla maioría o proxecto do deputado galego socialista Jorge Rivas, fillo de fisterráns e recoñecido defensor da memoria dos represaliados polo franquismo. Este avogado foi reelixido en 2011 como candidato do Frente para la Victoria, partido que apoia a presidenta Cristina Kirchner, e a súa figura é moi recoñecida e admirada no país. En 2007, sendo vicexefe do Gabinete de Ministros, sufriu un ataque na súa vivenda que lle provocou lesións que o deixaron tetrapléxico. Malia as súas dificultades -é incapaz de moverse e fala a través dun sofisticado sistema desde a súa cadeira de rodas-  reincorporouse ao seu escano menos de dous anos despois do percance. Desde alí, como secretario das comisións de Asuntos Constitucionais e Dereitos Humanos e Garantías, segue a defender causas xustas e mantén unha "moi boa relación" coa comunidade galega, unha colectividade que, como lembra, "está a sentir os efectos do longo tentáculo da crise española"

Por que se decidiu a impulsar a homenaxe aos exiliados españois a través da conmemoración o 14 de abril na Arxentina?

Para ser xusto, hei de recoñecer que a idea xurdiu da agrupación García Lorca e a min pareceume unha moi boa idea. Decidín transformala nun proxecto de lei e elixir o 14 de abril, porque ese día de 1931 foi no que a Segunda República reemprazou en España a vella e reaccionaria monarquía. Despois dun gran triunfo electoral dos sectores máis avanzados do Estado, o rei Alfonso XII viuse forzado a recoñecer o repudio maioritario á súa permanencia no poder.

"España debería ter un día dedicado á lembranza das vítimas do franquismo"

Por que cre que se conmemora na Arxentina o que en España continúa sen facerse?

A primeira resposta que se me ocorre a iso é que en España non hai exiliados españois, pero tamén me parece, con todo o respecto, que en España debería haber un día dedicado á lembranza das vítimas do franquismo.

Pero Arxentina tamén é, a través da xuíza Servini, a que intenta xulgar os crimes do franquismo que non xulga a propia España...

Por unha banda creo que os xuíces españois son os xuíces naturais para investigar os delitos cometidos polo franquismo, pero por outra banda creo tamén que se debe asumir que os crimes de lesa humanidade, ademais de imprescritibles, son de xurisdición internacional.

"Os xuíces españois deberían investigar os delitos do franquismo, pero hai que asumir que os crimes de lesa humanidade son de xurisdición internacional"

Como entende que en Arxentina se derrogue a lei de punto final e en España gobernasen algunhas administracións importantes cargos da ditadura como Manuel Fraga?

Lamentable, porque conveñamos en que eses feitos debilitan calquera democracia.

Ten a sociedade arxentina máis recoñecemento cara ás vítimas da ditadura e do fascismo?

Na Arxentina, nesta última década, o noso goberno fixo da política de dereitos humanos unha verdadeira política de Estado, o que sumado á permanente acción dos organismos de dereitos humanos, xera un clima propicio, non só para recoñecer as vítimas da última ditadura, senón tamén para xulgar os responsables dela.

"Arxentina fixo da política de dereitos humanos unha política de Estado, o que crea un clima propicio para xulgar os responsables da ditadura"

Que levaría do sistema político español a Arxentina? E do arxentino a España?

Non levaría nin traería institución ningunha. Non creo que esteamos, nestes tempos, ante un problema institucional, senón de pura decisión política.

En España, maioritariamente, a prensa e boa parte da clase política lanza duras críticas ao Goberno de Cristina Kirchner, que lles diría?

Non lles diría nada. Polo xeral, en España, como en case toda Europa, analízase a situación política da rexión latinoamericana con categorías de análise incorrectas, polo que se chegan a conclusións moi equivocadas. Por sorte, iso está empezando a cambiar.

"Se Arxentina se mantén firme defendendo os intereses da maioría do pobo ante os fondos voitre, non corremos risco ningún"

Dígame: tras o conflito cos fondos voitre, está a Arxentina en serio risco?

Na medida en que Arxentina manteña con firmeza a defensa dos intereses da maioría do pobo arxentino ante os fondos voitre, non dubido de que non correremos risco serio ningún.

Jorge Rivas, na presentación do seu proxecto © prensajorgerivas.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.