"Sumarmos forzas pola ruptura". Con este lema, o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) lanzou hai xa meses o proceso constituínte que pecha o ciclo deste partido integrado no BNG e abre o camiño a outro espazo político "máis amplo" e "desacomplexadamente independentista" que aposte por "sumar forzas na esquerda soberanista para avanzar no camiño da ruptura democrática co réxime español".
O Movemento Galego ao Socialismo pecha o ciclo e lanza un proceso constituínte dunha nova organización "máis ampla e "desacomplexadamente independentista"
Con este proceso, o MGS pretende deixar paso a uha nova organización que se adapte aos novos tempos e ás novas formas de participación política, desde a base e na busca dunha maior activación social. Ximena González, un dos rostros máis visibles do MGS, aclara os obxectivos dun camiño que nace desta formación pero que quere "ser máis amplo e apelar a sectores que simpatizan con posicións independentistas, socialistas e feministas" para "reflexionar xuntas e analizar a situación política actual e os camiños cara ao soberanismo".
Coas dificultades propias da pandemia, o proceso constituínte está a organizar encontros abertos nos que debater un camiño co que a formación busca "adaptarse ao momento histórico". "Queremos axudar a acabar con certa desmobilización que hai hoxe no soberanismo; sabemos da dificultade do independentismo para se organizar fóra do BNG, e ao mesmo tempo queremos trasladar ao Bloque todas esas ideas de forma máis organizada e coordinada", di González, que cre necesario "adaptarse a novas formas de intervención social, con ferramentas máis flexibles e acaídas para estes tempos e para as formas de organizarnos politicamente".
Conscientes de que a "unidade de acción" do soberanismo "sufriu algún pequeno contratempo", a idea é ampliar a base, cunha ollada importante na mocidade. "Hai moitas mozas e mozos con ganas de colocarse claramente nesa posición de ruptura co réxime do 78, co patriarcado e con este sistema económico que condena á miseria á clase traballadora", engade Ximena González.
Segundo asegura, nos seus 14 anos de vida, o MGS --que ten como cara máis visible a deputada do BNG Noa Presas-- "ten axudado a que o BNG recuperase posicións no sentido soberanista e máis á esquerda". "Estamos satisfeitas de que o Bloque amplíe a súa militancia e representación institucional porque iso é bo para o país e para o independentismo", engade quen cre que este proceso constituínte axudará a "seguir impulsando" a formación nacionalista "cara a posicións cada vez máis soberanistas e de ruptura".
"Queremos darlle máis forza ao soberanismo, esa é a aposta que nós facemos e que quizais outros sectores do nacionalismo non teñen tan claro", insiste González, que avirte de que nesta nova formación que xurdirá do proceso en marcha acredítase "na independencia, pero non como unha palabra baleira, senón como unha ferramenta para mellorar a vida das persoas e do pobo galego".