Radiografía electoral: Os 56 concellos que deciden dous de cada tres votos

Evolución do voto do PP nas localidades máis poboadas Dominio Público Praza Pública

Dous de cada tres galegos e galegas viven nos 56 concellos máis poboados do país, aqueles que superan os dez mil habitantes. Cidades grandes e pequenas, ademais de vilas, nas que, en conxunto, residen máis de 1,9 millóns de persoas. Todos os votos valen o mesmo, pero o partido que é quen de dominar este espazo urbano e vilego ten moi preto a vitoria electoral na comunidade. Facemos aquí un repaso ao comportamento electoral destas localidades na presente lexislatura autonómica, dende as últimas eleccións ao Parlamento galego celebradas en 2012 ata os recentes comicios xerais do 20 de decembro de 2015, pasando polas eleccións ao Parlamento europeo de 2014. Deixamos á marxe os comicios municipais do pasado ano, pola dificultade de establecer comparacións nalgúns concellos.

Nestes 56 concellos residen máis de 1,9 millóns de persoas

Os gráficos amosan un proceso político acelerado, con moitas convocatorias electorais en pouco tempo, e grandes movementos motivados en Galicia, sobre todo, pola irrupción de AGE en 2012, Podemos en 2014 e a candidatura conxunta de En Marea en 2015. Nos datos correspondentes ás eleccións europeas as porcentaxes de AGEe e Podemos están sumadas para facilitar a comparación cos datos previos e posteriores. Este espazo electoral creceu de forma continuada nas tres eleccións e practicamente os 56 concellos analizados, cun incremento que oscila entre o 50% e o 100%, agás excepcións.

Nas outras tres formacións analizadas (PP, PSdeG-PSOE e BNG) o movemento é inverso. O Partido Popular descendeu de forma moi importante nas cidades e nas vilas entre 2012 e 2014 (as eleccións europeas adoitan presentar resultados máis fragmentados) e nas xerais do 20D obtivo un resultado algo mellor nestas localidades, aínda que a súa porcentaxe seguíu caendo en varios concellos importantes, como Verín, Xinzo, Tui ou Vilanova de Arousa.

O caso do PSdeG-PSOE é distinto. Habitualmente obtén mellores resultados nas eleccións xerais que nas autonómicas, o que fai que en moitas destas cidades e vilas os seus peores rexistros correspondan aos comicios de 2012. Porén, a porcentaxe obtida nas eleccións do pasado 20 de decembro mellora moi pouco eses niveis e nalgúns casos (Vigo, Ourense, Lugo, As Pontes, Baiona...) está por debaixo. Finalmente, no BNG observamos un descenso continuado entre os datos das tres convocatorias, situándose nas xerais do pasado 20D por debaixo da metade do resultado obtido nos comicios de 2012.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.