Rajoy abre o curso político dando por feita a saída da crise e 'protexido' dos preferentistas

Os afectados polas preferentes foron retidos a dous quilómetros de Soutomaior © @mariadcalvo

"En só doce meses España levantou cabeza e está disposta a conquistar o seu futuro. Non podemos cantar vitoria, pero estamos orgullosos de ter sido capaces de facelo nun tempo récord". Mariano Rajoy abriu o curso político este sábado co tradicional acto no Castelo de Soutomaior e fíxoo cun discurso triunfalista, no que afirmou que "o camiño da recuperación económica comezou" e no que mesmo prometeu baixar impostos no primeiro trimestre do vindeiro ano.

Rajoy estivo acompañado por Alberto Núñez Feijoo e outros dirixentes populares, nun acto que se caracterizou polo fortísimo despregue policial, pensado principalmente para evitar que as protestas dos afectados polas preferentes chegasen aos oídos dos presidentes español e galego. De feito, durante toda a mañá só se permitiu o acceso con convite ás proximidades do castelo (algo que nunca sucedera) e ao redor de trinta afectados polas preferentes foron retidos a dous quilómetros do recinto. Disto se encargaron dous helicópteros da Garda Civil, unha vintena de coches patrulla, efectivos da unidade de intervención rural, unha ducia de axentes de paisano e voluntarios de Protección Civil.

Outra das anécdotas da xornadas produciuse cando Rajoy se referiu a Soutomaior como Sotomayor

Tratábase de evitar ou cando menos afastar as protestas, que o ano pasado foran quen de interromper os discursos dos políticos en varias ocasións, a pesar do cordón policial que os separou do mitin en moitos metros. Tamén se produciran intercambios de berros entre os preferentistas e militantes do PP e dúas cargas policiais.

En ningún momento mencionou o nome de Luis Bárcenas, pero repetiu en varias ocasións que "contra vento e marea imos culminar con éxito" a saída da crise e que "non podemos distraernos por máis que algúns se empeñen". Outra das anécdotas da xornadas produciuse cando Rajoy se referiu a Soutomaior como Sotomayor, xusto no momento en que afirmaba que "Hoy estamos mejor que hace un año" e prometeu que "el verano que viene vendré aquí a Sotomayor  para anunciar una bajada de los impuestos".

Os afectados polas preferentes foron retidos a dous quilómetros de Soutomaior © @mariadcalvo
Afectados polas preferentes foron retidos a dous quilómetros de Soutomaior © @M_bartolome

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.