Rajoy despacha Galicia presumindo da venda de NCG e de investigar Angrois

Rajoy, no Congreso © Congreso dos Deputados

O Goberno central fai todo por "saber toda a verdade" do accidente do Alvia en Santiago, o reparto da PAC beneficia a Galicia, o Executivo é "moi activo" para conseguir traballo para os estaleiros e, ademais, está "orgulloso" da venda de Novagalicia Banco. Así despachou Mariano Rajoy a realidade galega e os seus problemas no Debate do Estado da Nación que se está a celebrar no Congreso e a preguntas da voceira do BNG, Olaia Fernández Davila, que lle recriminou que non fixese referencia ningunha ao sinistro ferroviario e que o seu partido se negase a apoiar unha comisión de investigación sobre a catástrofe.

O BNG exixiu ao Goberno unha comisión de investigación sobre o accidente da que nada dixo Rajoy

"Unha cousa é o delito penal e outra moi distinta son as responsabilidades políticas, que deben ser abordadas nesta Cámara cunha investigación xustificada nos graves informes que advertían da perigosidade da curva de Angrois ou no auto do xuíz que acusa a Adif de arriscar vidas", espetoulle Fernández Davila, que non recibiu resposta satisfactoria ningunha de Rajoy, que se limitou a asegurar que o Executivo "está traballando con transparencia e dedicación nas investigacións en marcha para saber toda a verdade". O presidente do Goberno presumiu da posta en marcha dunha auditoría ao día seguinte do sinistro, así como das análises para reforzar a seguridade e das respostas de Fomento ou Renfe, pero nada dixo dunha comisión de investigación que seguirá sen celebrarse.

Tampouco atopou problema ningún Rajoy na desaparición definitiva do sistema financeiro galego coa venda dos restos das caixas e logo de que a voceira do Bloque acusase o Goberno de "vender a prezo de saldo" e de "non declarar sistémica" Novagalicia Banco para logo "poñela no mercado de forma apresurada e escura". "Negaron a posibilidade dun banco público e, coa súa mala xestión, os contribuíntes perderon 8.000 millóns de euros", dixo Fernández Davila.

"Non sei que é o que lle parece mal da venda de Novagalicia Banco", díxolle Rajoy á voceira do Bloque

Pero Rajoy presumiu da operación. "Non sei que é o que lle parece mal da venda de Novagalicia Banco", espetoulle á deputada, á que advertiu de que "se perderían os depósitos, os plans de pensións e os fondos de investimento" se non se optase pola venda e si pola liquidación. "Estamos moi orgullosos de que fose así", reivindicou quen nada dixo do feito de que a entidade, ao contrario de Bankia, non fose declarada sistémica, nin ás preguntas da portavoz nacionalista sobre as solucións previstas para os preferentistas ou para os emigrantes retornados. "Compórtanse como aves de rapiña cos débiles mentres son benevolentes cos grandes defraudadores", dixo Fernández Davila.

Tampouco reparo ningún puxo Rajoy ás queixas do BNG, que lle transmitiu a "decepción do sector agrogandeiro galego" polo reparto da PAC e pola discriminación do país mentres "se priman latifundios e xente que non vive do agro". O presidente despachou a crítica con cifras que considerou suficientes para o país, ao igual que presumiu dun Goberno "moi activo" na busca de contratos para os estaleiros e no arranxo do tax lease.

Rajoy negou que a troika impuxese nada ao Executivo e minusvalorou as críticas da deputada nacionalista: "Non me preocupo moito do que di vostede"

Fernández Davila denunciou na súa intervención o "seguidismo compracente" por parte do Goberno central das medidas económicas "impostas pola troika" que "só serviron para arrastrarnos á crise máis profunda". "Todas as reformas supuxeron recortes: nos servizos públicos, nos dereitos, nos salarios e nas liberdades", lembrou a voceira do BNG, que advertiu tamén que todas as reformas laborais do Executivo "converteron España no Estado con peor protección laboral na UE" tras "entregarlle todo o poder á patronal".

Rajoy, nun ton nada amable, negou que a troika lle impuxese medida ningunha ao Goberno e preguntoulle a Olaia Fernández se era ela "a mensaxeira". "Estea tranquila; a troika non nos impuxo nada, pero igual lle gustaban máis as súas medidas que as nosas", asegurou. "Non me vou preocupar excesivamente do que diga vostede", lanzoulle o presidente á deputada nacionalista, que instou o Goberno a remodelar o Estado para "dar poder ás nacións" e tras criticar a súa "intransixencia" por non "deixar os cataláns expresarse libremente nas urnas". O presidente tampouco lle contestou e incluso o deputado de UPyD, Martínez Gorriarán, acusouno no Twitter de "perder as formas" coa parlamentaria pola súa "rancia misoxinia".

O presidente do Goberno empregou un ton nada amable coa parlamentaria do BNG, o que incluso foi criticado por UPyD

Por útlimo, nada respondeu Rajoy do resto de temas que o BNG considera tamén erros, eivas e duras consecuencias das políticas do PP, como "a recentralización de competencias" exemplificada na reforma local, a Lomce ou outras leis, paradigmas "de usurpación e vulneración competencial". A voceira nacionalista tamén censurou que o Executivo "substituíse a liberdade pola opresión" tanto na reforma do aborto como la "represiva lei" de seguridade cidadá, despois de criticar o golpe á xustiza universal, a instauración das taxas xudiciais ou a privatización dos rexistros civís.

"Destruíron máis de 1,3 millóns de empregos, estableceron os copagos, reduciron os salarios, as pensións e as bolsas... Fixeron recortes que provocan que os ricos si saian da crise e que os pobres sexan máis pobres", rematou.

Rajoy, no Congreso © Congreso dos Deputados
Olaia Fernández Davila no Congreso © BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.