Rajoy emula a Feijóo no recorte ás baixas por enfermidade do persoal público

Cartel das protestas do persoal en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Tras o venres de recortes, o sábado de concrecións. Como se vén convertendo case en tradición, este sábado o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou os recortes aprobados vinte e catro horas antes no Consello de Ministros e, neste caso, xa avanzados dous días antes polo presidente do Goberno central no Congreso dos Deputados. Nese amplo paquete de medidas, coas que o gabinete que dirixe Mariano Rajoy pretende aforrar 65.000 millóns de euros para así adaptarse ás esixencias da Unión Europea, inclúese un amplo capítulo dedicado ao funcionariado e demais persoal ao servizo das Administracións públicas. Na liña do anunciado, a "paga extra" de decembro de 2012 desaparece e, ademais, rebáixanse outros dereitos adquiridos como os relativos ás compensacións por incapacidade temporal. Neste caso concreto o Goberno de España imita, case literalmente, a senda trazada pola Xunta dende comezos de ano.

A Xunta é máis rigorosa ao chegar a eliminar o complemento por incapacidade na terceira baixa do ano

Daquela, en medio dunha forte polémica o Goberno galego dáballe luz verde á Lei de Medidas Temporais en Determinadas Materias do Emprego Público, un paquete de recortes co que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba que conseguiría aforrar ata 80 millóns de euros cada ano. Nesa reforma legal, tramitada pola vía de urxencia, incluíase unha forte rebaixa nas percepcións salariais dos funcionarios e empregados públicos cando se ven afectados por unha continxencia común que lles impide acudir ao seu posto de traballo con normalidade. Así, por exemplo, cando unha gripe ou outro tipo de enfermidade leve ou un accidente de tráfico sen consecuencias graves os obriga a coller unha baixa ven como entre o primeiro e o terceiro día o complemento por incapacidade queda no 50% se é a primeira baixa do ano, no 40% se é a segunda e, directamente, no 0% se é a terceira. Do cuarto ao vixésimo día este complemento situouse no 75% tras o recortes e, de aí en diante, no 100%.

Apenas dous meses despois da entrada en vigor deste cambio normativo, a barafunda de recortes precipitada polo rescate bancario ao Reino de España estende estas restricións a todo o Estado, se ben nalgún caso mesmo é menos rigorosa que en Galicia. Así, o Goberno central establece uns límites segundo os cales do primeiro ao terceiro día de baixa o complemento de incapacidade ten que chegar ao "máximo do 50% das retribucións". Do cuarto ao vixésimo Rajoy outórgalle liberdade a cada Administración, sempre e cando non supere o 75%. Dende o vixésimo día e ata o nonaxésimo -limiar a partir do cal entran en xogo outras normativas- "poderase recoñecer a totalidade das retribucións básicas, da prestación por fillo ao cargo, no seu caso, e das retribucións complementarias". Así as cousas, a Xunta revélase como unha alumna aventaxada nesta materia, xa que o Estado non restrinxe nin chega a eliminar a retribución nos primeiros tres días de incapacidade se non se trata da primeira baixa do ano.

O paquete de recortes dirixidos ao ámbito da función pública xa tiveron este xoves e venres as primeiras respostas en forma de mobilizacións, con concentracións en diversos centros de traballo tanto en Galicia como no resto do Estado. Así, por exemplo, mentres en Madrid se celebraba o Consello de Ministros, nos principais hospitais galegos o seu persoal manifestaba o rexeitamento á mingua nas súas condicións laborais. O calendario mobilizador irá en aumento nos vindeiros días e así, por exemplo, a CIG xa convocou protestas para o vindeiro día 19, para as que aposta por coordinarse con CCOO e UGT. Do mesmo xeito, a central sindical maioritaria entre o funcionariado do Estado, CSI-F, xa avanzou a convocatoria dunha folga no sector público para o mes de setembro.

Recorte aplicado pola Xunta dende maio
Días da baixa Complemento a cobrar
Do 1 ao 3 (primeira baixa do ano) 50%
Do 1 ao 3 (segunda baixa do ano)  40%
Do 1 ao 3 (terceira baixa do ano) 0%
Do 4 ao 20 75%
Do 20 en diante  100%
Recorte aprobado polo Goberno central
Días da baixa Complemento a cobrar
Do 1 ao 3 (primeira baixa do ano) 50%
Do 4 ao 20 Ata o 75%
Do 20 ao 90 Ata o 100%

 

 

 

Cartel das protestas do persoal en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.