Rajoy mantén a Sáenz de Santamaría na vicepresidencia e entrégalle Defensa a De Cospedal

Novos membros do Consello de Ministros do Goberno de España CC-BY-SA Praza Pública

Seis caras novas para un goberno de equilibrios internos e sen concesión a cota ningunha do PP galego. Mariano Rajoy deu este xoves a coñecer os membros do seu novo Goberno mediante un comunicado na páxina web de La Moncloa. O reelixido presidente do Goberno de España decidiu non variar a estrutura do Executivo dividíndoo en novas vicepresidencias, polo que Soraya Sáenz de Santamaría segue sendo a única vicepresidenta. María Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP, recibe a carteira de Defensa, en substitución de Pedro Morenés. Desta forma, a súa área é independente do poder da vicepresidenta e só renderá contas ante o presidente. En total, o novo gabinete divídese en 13 ministerios.

Case cinco anos despois de anunciar o seu primeiro Executivo lendo unha lista ante os xornalistas e negándose a contestar preguntas, Rajoy optou desta volta por non comparecer aínda que parte da prensa acudira ao complexo gobernamental en Madrid por mor da pouca información sobre como se produciría o anuncio. Este venres todos reuniranse no primeiro Consello de Ministros tras xurar ou prometer os seus cargos. Despois da súa primeira reunión de Goberno, producirase o intercambio de carteiras.

O novo gabinete non concede cota ningunha ao PP galego

Como se esperaba, a maioría dos máis veteranos non repiten no cargo. Pedro Morenés, José Manuel García Margallo e Jorge Fernández Díaz quedaron fóra, aínda que Cristóbal Montoro seguirá á fronte de Facenda e de Función Pública. A área de Administracións Territoriais recae tamén en Sáenz de Santamaría nun ano no que será vital a relación co Govern da Generalitat e con todas as autonomíasm dado que se reformará o sistema de financiamento, caducado dende 2014. Seu será o traballo de entenderse coas diferentes comunidades autónomas, moi molestas con Montoro no últimos catro anos e agora gobernadas, na súa maioría, por formacións diferentes do PP.

Méndez de Vigo será o novo voceiro e a vicepresidenta asume a política territorial

Coa confirmación de que a vicepresidenta manterá o control do CNI, o servizo segredo, Sáenz de Santamaría segue gañando na repartición de poder con De Cospedal. O que si perdeu o número dous do Goberno é a portavocía, que recae en Méndez de Vigo. Desta forma, o ministro de Educación e Cultura será o encargado de explicar aos xornalistas as decisións do Consello de Ministros cada venres. O número de cargos con boa relación con Sáenz de Santamaría é alto xa que ao grupo dos alcumados como sorayos pertencen tanto Fátima Báñez, que recunca en Emprego, como Montoro e Álvaro Nadal, novo ministro de Enerxía.

Fernández Díaz sae do Goberno tras a súa polémica xestión e é substituído polo ex-alcalde de Sevilla

O ex-alcalde de Sevilla, Juan Ignacio Zoido, herda a carteira de Fernández Díaz, despois da súa polémica xestión. Outra das novas incorporacións é a catalá Dolors Montserrat, que se fai cargo da área de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. A incorporación máis descoñecida é a de Alfonso Dastis, novo titular de Exteriores e Cooperación. Diplomático de carreira, foi asesor de García Margallo e ocupou nos últimos anos postos de representación ante a Unión Europea. Tamén chega ao Consello o ata agora rexedor de Santander, Íñigo de la Serna, novo titular de Fomento, carteira ocupada en funcións nos últimos meses por Rafael Catalá, quen segue como ministro de Xustiza.

Rajoy, na súa segunda toma de posesión como presidente © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.