- ANÁLISE | Sete claves para ler os resultados das eleccións en Catalunya
- O PP ficaría fóra do Parlamento catalán cunha lei electoral como a galega
"O que nos faltaba é convocar eleccións xerais, tentarei que a lexislatura acabe cando toque, a metade do ano 2020", dixo Rajoy
"Eu son o presidente do Goberno de España e dos cidadáns de Catalunya e farei o esforzo de dialogar pero tamén de que a lei se cumpra. Espero que haxa un Goberno que non se sitúe encima da lei", afirmou este venres Rajoy, ao tempo que o president cesado da Generalitat, Carles Puigdemont, lle propuña un encontro “sen condicións” pero fóra de España.
O presidente Rajoy compareceu este venres en Moncloa, arroupado pola maioría dos seus ministros, tras a reunión do comité executivo nacional do PP, no que non falou ninguén salvo o candidato, Xavier García Albiol, e o presidente, Mariano Rajoy. Segundo fontes do PP, o presidente dixo na reunión que a pesar das presións que vai ter nas próximas semanas, non vai convocar eleccións xerais e que pretende acabar a lexislatura. "O que nos faltaba é convocar eleccións xerais, e tentarei que a lexislatura acabe cando toque, a metade do ano 2020", reiterou Rajoy na rolda de prensa en Moncloa.
A Rajoy preguntóuselle se sentará a falar con Carles Puigdemont, ao que contestou que "con quen tería que sentarme é con quen gañou as eleccións, a señora Inés Arrimadas"
"O que deixan claro" os resultados, dixo Rajoy, "é que ninguén pode falar en nome de Catalunya, porque é plural, unha virtude e riqueza. Todos debemos respectala e coidala. Tamén é evidente que a fractura e radicalidade xerada é moi grande, e a reconciliación debe vir da man da lei e o respecto a maiorías e minorías. Os partidos cataláns teñen que ofrecer a gobernabilidade, e o Goberno resultante estará sometido ao imperio da lei. Ademais, sen respecto ás leis, non será posible xerar seguridade e certidumbre, nin volverán as empresas nin os investimentos". A Rajoy preguntóuselle se sentará a falar con Carles Puigdemont, ao que contestou que "con quen tería que sentarme é con quen gañou as eleccións, a señora Inés Arrimadas".
O president cesado da Generalitat non aclara se volverá a Catalunya para tentar ser investido mentres pese sobre el unha orde de detención
Pola súa banda, o president cesado da Generalitat e número 1 de Junts per Catalunya, Carles Puigdemont, propuxo a Rajoy unha reunión para abordar "sen condicións" o futuro político de Catalunya. En Bruxelas "ou en calquera cidade fóra de España", Puigdemont ofrécese para establecer un diálogo co presidente do Goberno tras revalidar o independentismo a súa maioría parlamentaria. O candidato de JxCat espera que se abra "unha etapa presidida pola solucións políticas" ao interpretar os resultados do 21D como o fracaso da aplicación do 155. "Gañamos o dereito de ser escoitados", afirmou.
Puigdemont pediulle tamén a Rajoy que leve a cabo xestos de "boa vontade", por exemplo retirar a presenza "extraordinaria" da Garda Civil e a Policía Nacional en Catalunya ou moderar o que chamou "sectores sociais e mediáticos máis radicalizados" vinculados ao presidente. Aínda así, precisou que non condicionará esas medidas ao posible diálogo co presidente.
O líder de JxCat respondeu que a súa vontade é "chegar a acordos coa CUP e con quen comparta a idea de que se acabou a receita do Estado español"
O que non aclarou Puigdemont é se volverá a Catalunya a asumir o reto da investidura, pesando sobre el unha orde de arresto en España, aínda que en campaña electoral anunciou que así o faría se saía vencedor das eleccións. Deu a entender que o estuda se hai "garantías" e se respectan "as regras do xogo democrático", que para el significan que se poida "restituír" o Govern "alterado polo Goberno español" coa aplicación do 155.
Puigdemont, na mesma liña que durante a campaña, insistiu que a súa non é unha aposta pola vía unilateral cara á independencia. "A vía prioritaria sempre foi o diálogo", recalcou, para acusar logo o Estado de arrastralos coas súas negativas á folla de ruta unilateral. O interrogante é agora a CUP, que avisou de que só investirán a Puigdemont ou a outro candidato se se seguen dando pasos cara á República. O líder de JxCat respondeu que a súa vontade é "chegar a acordos coa CUP e con quen comparta a idea de que se acabou a receita do Estado español".