Mariano Rajoy non será dende o luns política e simbolicamente ben recibido na que adoita presentar como a súa cidade. Nesa xornada o pleno municipal aprobará a iniciativa promovida por PSdeG e Marea para declarar "persoa non grata" o presidente do Goberno de España en funcións pola decisión, tomada precisamente en funcións, de autorizar a permanencia da factoría de ENCE na ría pontevedresa ata o ano 2073, contradicindo así a preferencia da maioría dos grupos municipais e tamén as promesas de traslado formuladas polo propio PPdeG nos seus programas electorais de 2009 e 2012.
Tras unha tensa Xunta de Goberno por mor doutros asuntos o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, ratificou este venres que os 12 edís do BNG darán o seu voto favorable á reprobación do líder conservador. Rajoy ten esa declaración "máis que merecida", di o rexedor nacionalista que, non obstante, informa Pontevedra Viva, matiza que a declaración "non resolve nada" alén do simbólico, polo que non debería "despistar do fondo da cuestión", isto é, a aposta por tentar frear a prórroga da pasteira.
Lores confirma que o BNG apoiará a proposta, defendida por PSdeG e Marea, se ben insta a non "despistarse do fondo da cuestión", a loita contra a prórroga da pasteira
Nesta liña, o goberno municipal lembra que traballa xa nun recurso administrativo contra a prórroga de ENCE, cuxo obxectivo último é acadar a "nulidade" da resolución que prorroga a autorización por 60 anos máis. Como informou Praza.gal, o Concello de Pontevedra basea os seus argumentos en cuestións tanto de fondo como tamén de forma, xa que, lembran, o expediente administrativo da prórroga só estivo exposto ao público en Madrid e só durante 10 días. En caso de que a vía administrativa, como é previsible, non dea resultados, o Concello de Pontevedra e outras entidades, caso da Asociación para a Defensa da Ría, dispóñense tamén a ir aos tribunais pola vía do contencioso-administrativo.
ENCE desdeñou nos últimos días as protestas contra a autorización
A declaración de persoa non grata contra Rajoy chegará poucos días despois de que os responsables da pasteira sacasen peito pola prórroga e desdeñasen as protestas cidadás contra ela. A través do director da factoría, Antonio Casal, a empresa afirma que un dos efectos máis evidentes da factoría, o cheiro, "practicamente desapareceu" da comarca. Por iso, mantén, "practicamente ninguén" na cidade "se lembra" de ENCE na súa vida diaria. Agás, matiza, "cando hai unha manifestación".
Nesa mesma intervención na Radio Galega o directivo puxo en cuestión a posibilidade de que a empresa instale a súa planta de biomasa en Pontevedra. A cidade, di, sería "unha moi boa opción", se ben a decisión final do emprazamento dependerá "do apoio institucional", isto é, das axudas e facilidades que poidan recibir. Neste sentido, o PP local defenderá no propio pleno do luns que o Concello procure e poña á disposición de ENCE terreos para a construción desa planta.