Mariano Rajoy empregou este venres un dos avións Falcon dos que dispón como presidente do Goberno para pechar a campaña electoral galega e acudir aos últimos mitins do seu partido en Vigo e Ourense este venres, segundo adiantou El Periódico de Cataluña e recollen xa varios medios.
Rajoy usa o Falcon malia que criticou con dureza que Zapatero viaxase nel para actos do PSOE
O xefe do Executivo español usou esta aeronave para desprazarse desde Bruxelas, onde acudiu ao Consello Europeo, a Vigo e malia que, cando estaba na oposición, criticou con dureza a José Luis Rodríguez Zapatero por viaxar en Falcon a actos do PSOE durante as campañas dos anos 2009 e 2011, sendo o socialista presidente do Goberno.
En maio de 2009, Rajoy cualificou de "prepotente" a Zapatero por viaxar nun avión oficial desde Madrid a Asturias para acudir a un mitin do PSOE. No mesmo día, o líder do PP desvelou que Zapatero tiña previsto usar outra aeronave do Exército español para estar presente nun acto do partod en Gran Canaria. "Se iso se confirma é unha burla e é rirse dos españois, mofarse dos contribuíntes, é nha proba da prepotencia impropia dun gobernante democrático no século XXI", dixera, logo de que o PP asegurara que cada viaxe nun Falcon costaba máis de 15.000 euros.
Segundo El Periódico, fontes do Goberno aseguran que "non se poden comparar" as condutas de Zapatero e Rajoy, xa que o actual presidente do Goberno regresou a España logo de levar tres días participando en encontros internacionais e elixiu regresar a Vigo e non a Madrid, mentres que Zapatero usaba o avión oficial directamente desde Madrid a outras partes do Estado para actos do PSOE.
"Non me parece axeitado que outros usen avións do Exército ou Falcon para acudir a mitins", dixera Feijóo tras descubrirse que fixera campaña en Arxentina na aeronave dun empresario
Ademais, Feijóo tamén asegurara xa na precampaña das eleccións galegas que el nunca usaría un Falcon para viaxar a actos de partido, recriminando tamén a acción de Zapatero e logo de que se descubrira que acudira a mitins en Arxentina no avión dun empresario amigo denominado Paxariño. "Non vou usar nunca fondos públicos para facer campaña, non o fixen nunca e non o vou facer. Acudo con recursos do partido ou de afiliados do partido, nonusarei o coche oficial para ir a mitins como se fixo noutros anos. É o que fixen e seguirei facendo, a lexislatura acabará coa mesma regra; eu non usarei fondos públicos nin me parece axeitado que outros usen avions do Exército ou Falcon para acudir a mitins", dixera.
Tales foran as críticas a Zapatero daquela, que o PP ata chegou a utilizar un vídeo de cara ás eleccións europeas de 2009 nas que Rajoy presumía de viaxar en voo regular. "Rajoy vuela como tú, como todos", titulábase a cinta, que formaba parte da publicidade electoral dos conservadores pero cuxa autorían atribuíron a Sergio Ramos e Jorge Moragas.
O diálogo que Rajoy mantén con outro viaxeiro era claro e destinado a censurar a actitude de Zapatero.
"- Ti, presidente, voas en voo regular, non?
- Si. En que vou voar, senón?
- Iso do Falcon non...
- Non. Iso Zapatero, eh? Zapatero, si."
Cómpre lembrar tamén que o Tribunal de Contas pediu aos partidos que regulen o uso dos medios públicos de transporte en campaña, unha medida que o PP defendeu cando el estaba na oposición, pero que rexeitou este mesmo ano, xa na Moncloa.
HABERÁ AMPLIACIÓN