Rajoy volve ao rural ourensán, como en 2009 cando proclamou “Baltar é o PP”

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

“Baltar é o PP”. Esa sentenza sobre o daquela presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, hoxe condenado por prevaricación, pronunciouna o presidente Rajoy en febreiro de 2009. Foi na longa xeira que realizou polo rural galego durante a primeira campaña de Feijóo. Este martes Rajoy volve ao rural ourensán nunhas autonómicas galegas, e farao en Ourense, acompañado do fillo daquel Baltar, José Manuel, herdeiro da Deputación e do PP provincial e imputado por prevaricación e suborno por supostamente ofrecer un emprego a cambio de sexo a unha muller tamén imputada na mesma causa.

O presidente, como naquela campaña, visitará varias vilas nun mesmo día, agora acompañado do fillo imputado do ex-presidente condenado

En 2009, nas súas horas máis baixas dentro do partido, logo de perder dúas eleccións xerais e ver como lle intentaban mover a cadeira, Rajoy pasou en Galicia a maioría daquela campaña que, como agora, tamén coincide coas autonómicas vascas. Fíxoo no rural, deixando a Feijóo o protagonismo na Galicia urbana. E fíxoo entregándose, con días nos que chegou a visitar ata cinco concellos distintos. Como o que o levou ao lugar do Pinto, en Esgos, onde naceu Baltar pai en 1940. Foi nesa xornada cando dixo que “Baltar é o PP”, seis anos antes de que Baltar Pumar fose condenado por prevaricación por enchufar 104 persoas e sete anos antes de que seu partido acabase imputado pola destrución do ordenador de Bárcenas.

Este martes, sen chegar ao nivel de 2009, mentres Feijóo ten actos en Vigo e Narón, Rajoy percorrerá catro concellos ourensáns. O presidente do Goberno en funcións dará paseos electorais por Avión ás 11.30 horas, Ribadavia ás 13.00 horas, e Ourense cidade ás 17.45 horas, e rematará a súa xeira cun mitin ás 20.00 horas no Carballiño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.