Rajoy continuou coa súa campaña para o candidato Feijóo, pero sen o candidato Feijóo. O presidente do Goberno acudiu a un acto do PP local na Coruña para apoiar ao líder do partido en Galicia que, ao igual que o pasado sábado, non coincidiu co seu xefe ante un auditorio duns 300 afiliados e membros dos comités locais dos populares. “É o mellor candidato, non hai comparación”, dixo Rajoy dun Feijóo que estivo o día anterior na cidade, pero que marchou un día antes que o seu xefe.
Foi a silueta de Feijóo que lucía nun cartel tras Rajoy a única imaxe dun presidente da Xunta que foi louvado polo xefe do Executivo español polo “aval” do feito no Goberno galego, que contrapuxo con vehemencia ao bipartito e á teórica “alternativa a cinco partidos” que suporía a perda da maioría absoluta por parte do PP. Malia criticar os lemas electorais do BNG ou AGE por “ir contra alguén” e non “para gobernar”, Rajoy centrouse tamén en pedir o voto “porque non hai alternativa”. “Todos sabemos a herdanza que deixou o bipartito e agora a alternativa non serían dous partidos, senón cinco; cada un tería unha, dúas ou unha conselleríla e media, cando o Goberno ten que ter coherencia, obxecivos compartidos e o mesmo ideario”, asegurou.
"Galicia non merece ter algo parecido ao bipartito, pero nunha versión moito peor", advirte Rajoy
“Galicia non se merece ter algo parecido ao bipartito, pero nunha versión moito peor”, dixo Rajoy, que aludiu aos lemas do BNG (Para facerlles frente) e AGE (Hai que paralos!) para asegurar que “non se pode andar así pola vida”. “Nós queremos que nos voten para gobernar e para crear progreso pero non para ir contra ninguén”, insistiu.
“Pido o voso apoio para Feijóo porque soubo xestionar en tempos difíciles. O que fixo a Xunta de Galicia é un aval co que se pode presentar ante os cidadáns e todos os galegos. Cumprimos”, engadiu o presidente do Goberno central, que volveu centrar o discurso no control do déficit e na solvencia do candidato da dereita e que fixo tamén alusión aos contratos do naval con Pemex.
O presidente do Goberno central volveu centrar o discurso no "aval" do feito e na solvencia, sen aludir a propostas de futuro
“Concretáronse uns contratos e non comprendo como hai xente que transmite a sensación de que non lles gusta que existan; se eu estivese no seu lugar, se cadra aputábame a dicir que tamén axudei a Feijóo porque igual algún o cría”, manifestou nun auditorio de afiliados e simpatizantes entregados e no que tamén se puido ver o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez.
Sen citar a Catalunya ou Euskadi, volveu citar "a unidade e a casa común de España" como receita para saír da crise
Rajoy, ademais, mostrouse convencido da vitoria electoral o vindeiro domingo 21 e, xa en clave estatal, volveu aludirse ás ansias independentistas catalás sen citar nin a Artura Mas nin á Generalitat. “Non se pode xogar cos estatutos; necesítase serenidade, non ruído e unidade, asegurou, para engadir que “España é todo o que vivimos xuntos, a casa que construímos entre todos”. “A nosa receita pasa por unha condición. Firmes nos nosos valores e na nosa unidade non hai crise que nons poida dobregar nin éxitos que non poidamos repetir”, finalizou, tras un acto non que non se escoitou nin unha soa palabra en galego.
Pola súa banda, Carlos Negreira, alcalde da Coruña, e Beatriz Mato, número un do PP pola Coruña, centraron o seu discurso nas louvanzas a Rajoy -moito máis que a Feijóo- e nas duras críticas ao bipartito. O rexedor coruñés aludiu “á resaca tras a festa de nacionalistas e socialistas” que debe arranxar a dereita, ao tempo que advertiu que “os que deixaron un país arruinado veñen agora a dar leccións”.