Récord de persoas que se queixan ao Valedor do Pobo tras aumentar un 30% en 2014

O Valedor presenta o informe ante a prensa © Valedor do Pobo

Un ano récord. As mobilizacións cidadás vinculadas á crise económica ou aos recortes de dereitos sociais converteron o 2014 no ano no que "a institución recibiu o maior número de expedientes de queixa da súa historia". Os datos do informe de actividade do alto comisionado referidos ao pasado ano e presentados este mércores en Compostela reflicten que o Valedor tramitou un total de 24.149 expedientes diferentes, dos que 37 foron "promovidos de oficio pola propia defensoría" e o resto, por persoas que, por iniciativa individual ou, sobre todo, colectiva, pediron intermediación ante as autoridades para resolveren os seus problemas.

Os abusos bancarios foron os principais protagonistas deste récord de queixas, que supón ademais un medre de case o 30% a respecto de 2013. Algo máis de 6.300 persoas presentaron ante o Valedor a súa queixa "sobre desfiuzamentos, cláusulas solo e demais cláusulas abusivas das entidades bancarias". O segundo asunto con maior volume de queixas foron as deficiencias na "atención urxente na cirurxía pediátrica no Complexo Hospitalario de Ourense", con máis de 4.600. Destacan tamén, en terceiro lugar, as máis de 2.800 reclamacións para rexeitar a contrarreforma da lei do aborto que prevía o Goberno central e as 2.000 sobre o polémico concurso de traslados da Consellería de Educación.

Os abusos bancarios encabezan as queixas colectivas

A "degradación do sistema político español", a pretensión de construír un acceso a un aparcadoiro privado sobre un parque público no barrio compostelán de Galeras ou a protección da colección artísitca das antigas caixas foron outros dos asuntos dos máis de 21.000 tramitados como resultado de queixas colectivas nun ano no que os asuntos abordados polo Valedor -as queixas referidas ao mesmo tema contabilízanse como un só asunto- foron 2.310, un 16% menos que en 2013.

Como en anos anteriores, os asuntos sociais en sentido amplo capitalizan as queixas e tamén as reflexións do titular en funcións da institución, José Julio Fernández, durante a presentación do informe. Así, exemplo, o Valedor insta por segundo ano consecutivo a abordar dende as Administracións públicas a  pobreza enerxética, un "problema actual que sofren moitas familias que contan con persoas desempregadas, xubiladas ou de avanzada idade con escasos recursos económicos".

O Valedor coida que a crise "puxo de manifesto" a "necesidade urxente dunha atención específica" á pobreza enerxética en Galicia

Partindo da base de que resulta "inasumible" que compañías con "millóns de euros" de beneficios anuais deixen sen subministro eléctrico durante o inverno as familias que non poden pagalo o Valedor explica que en Galicia "este problema permaneceu en estado latente durante algún tempo. Apenas un mes despois de que o PP rexeitase que a Xunta evitase os cortes de luz a quen non a poida pagar e mesmo dubidase do concepto mesmo de pobreza enerxética o Valedor evidencia que "a crise económica puxo de manifesto" tanto a "existencia" do problema "como a necesidade urxente dunha atención específica, como tivemos ocasión de estudar nalgúns expedientes de queixa", indica.

Causas coñecidas como "baixos ingresos, calidade insuficiente da vivenda, prezos elevados da enerxía ou prezos elevados dos alugueres", describe o informe, dan lugar a "consecuencias variadas" entre as que destacan a "temperatura inadecuada da vivenda" ou a "incidencia sobre a saúde física e mental". Todas estas circunstancias, resalta o Valedor, afectan especialmente "aos nenos e aos anciáns", polo que ademais de axudas puntuais como as xa existentes no Goberno central e na Xunta "é necesario o establecemento duns prezos sociais ou tarifas reducidas subvencionadas para as persoas en situación de vulnerabilidade" que permitan "dispoñer do mínimo indispensable para gozar dunhas condicións de vida minimamente dignas e saudables".

Sanidade volve encabezar as queixas ás consellerías

Case o 40% das queixas formuladas ante o Valedor durante o 2014 referíanse a asuntos competencia da Xunta e destes, máis do 60% á Consellería de Sanidade, que un ano máis recunca como a principal destinataria das reclamacións. Tras o departamento sanitario as consellerías con máis queixas son as outras dúas do ámbito social: Educación, con algo máis de 2.000 e Traballo e Benestar, que suma algo máis de 700. 

A política da Xunta en materia social foi, precisamente, unha das cuestións polas que tivo que responder José Julio Fernández durante a presentación do informe de 2014. Despois de considerar en rolda de prensa que "o Estado social non pode crecer ilimitadamente", reflexionar sobre as "disfuncións" na aplicación da lei de dependencia e despois de valorar que "as políticas sociais están sendo de sete" nunha escala de 0 a 10, o rebumbio xerado levouno a matizar as valoracións.

Tras o rebumbio xerado o Valedor matizou que apoia "intensificar as políticas sociais" e que lle deu un sete ao labor social "en toda Europa", non só na Xunta

Nun comunicado remitido aos medios horas despois da comparecencia o Valedor sinalou, "ante certa confusión apreciada nalgunhas informacións", que "entende que a categoría de Estado socail é esencial nunha democracia" e, ademais, que "resulta imprescindible axudar a aqueles que o necesitan", polo que "na situación de crise actual" cómpre "intensificar as políticas sociais fronte a problemas graves" como a pobreza infantil ou a pobreza enerxética". "Se se constrúen políticas sociais ilimitadas estaríase a dar cobertura mesmo ás persoas millonarias, que non o necesitan", matiza o alto comisionado, que indica ademais que ao "puntuar con notable as políticas sociais estase a referir a todas as políticas sociais de Europa (UE, Estado, comunidade autónoma, provincias, municipios)" e non unicamente ás da Xunta.

O Valedor entrégalle o informe de 2014 á presidenta do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.