Remunicipalizacións: a loita paso a paso polos servizos públicos

Recollida de residuos, auga e saneamento ou subministro eléctrico son algúns dos ámbitos nos que se libra a batalla das remunicipalizacións CC-BY Sili(k)

O Concello de Ferrol confirmou esta semana que levará a cabo a remunicipalización do subministro e mantemento eléctrico, renunciando ao contrato cunha empresa privada cuxo proceso de adxudicación iniciara o PP pouco antes de perder a alcaldía. Un contrato que supuña unha obriga de pagamento de 41 millóns de euros en 13 anos para as arcas municipais da cidade naval.

Este proceso engádese aos levados a cabos nos últimos meses na Coruña, Compostela, Lugo, Teo, Zas, Verín ou Arteixo. O aforro nos custes xerados na prestación de determinados servizos, así como a recuperación do control público na xestión, impulsan esta onda de remunicipalizacións que ten a auga e o saneamento, a recollida do lixo ou o servizo de ORA e guindastre entre os seus ámbitos principais. Cómpre tamén ter en conta as ilegalidades detectadas nos últimos anos en numerosos procesos de externalización de servizos municipais, investigadas en causas coma a Patos, a Pokémon ou a Pikachu.

O último paso para a recuperación do contrato eléctrico en Ferrol chegou a través dun informe que o Concello lle encargara ao Instituto Tecnolóxico de Galicia. Nos meses anteriores outros estudos recibidos polo Goberno municipal nuns casos non foran favorables á posibilidade de remunicipalizar o servizo, e noutros dende a Alcaldía non se consideraba que tivesen a solidez necesaria para apuntalar un proceso que podía rematar nun recurso xudicial da empresa beneficiada pola adxudicación do executivo anterior.

"Buscabamos o rigor para ter garantías", destaca Jorge Suárez en conversa con Praza. "Tiñamos informes que non entraban ao fondo da cuestión porque non foran elaborados por técnicos especializados nesta materia. Consideramos que estes informes municipais non eran suficientes para poder facer unha renuncia solvente, que podía traer máis problemas que solucións, pois a empresa que fora escollida no proceso de adxudicación podería ter demandado o Concello, conseguindo unha indemnización millonaria. Dende a alcaldía solicitouse este informe técnico para poder acreditar esta renuncia", explica o rexedor.

Sobre as desavinzas expresadas en público nos últimos meses polos dous partidos do Executivo local (o PSdeG-PSOE apostaba por renunciar ao contrato mesmo antes deste informe favorable, Ferrol en Común amosábase máis cauto sobre as consecuencias dunha remunicipalización fracasada), o rexedor afirma que "os informes xurídicos que nun comezo tiñamos sobre o estado en que o PP deixou ese contrato insinuaban que de non adxudicalo caeriamos en prevaricación e que ademais suporía unha indemnización millonaria para o Concello. Non se trata de xogar a quen é máis de esquerdas. Os dous partidos que conformamos o Goberno tiñamos o mesmo obxectivo".

Suárez está convencido de que o novo contrato de subministro será realizado polo Concello, e indica que o obxectivo é que o mantemento se realice tamén a través dunha empresa municipal

Nas vindeiras semanas o informe do Instituto Tecnolóxico será analizado polo xefe de Contratación, por Intervención e pola Secretaría do Concello, que avaliarán definitivamente a renuncia ao contrato e as alternativas para a xestión municipal deste servizo. Suárez está convencido de que á vista "dos datos incontestables" que amosa o informe a renuncia ao contrato poderá executarse sen problema, e quérese que sexa aprobada polo pleno municipal en setembro. O alcalde está convencido de que o novo contrato de subministro será realizado polo Concello, e indica que o obxectivo é que o mantemento se realice tamén a través dunha empresa municipal, o que pode atopar máis dificultades, tendo en conta as actuais limitacións impostas pola lexislación, dependendo polo tanto esta opción da posición que adopten Intervención e Secretaría. 

O alcalde ferrolán conclúe que "priorizar o interese da cidadanía e do público fronte ás empresas e os intereses privados" é "un dos cabalos de batalla de todo o goberno dende o primeiro día"

Suárez conclúe que "priorizar o interese da cidadanía e do público fronte ás empresas e os intereses privados" é "un dos cabalos de batalla de todo o goberno dende o primeiro día". E engade que o documento do Instituto Tecnolóxico deixa claro, a través de distintos elementos técnicos, o carácter "lesivo" do contrato, que "prexudica os intereses da cidadanía de Ferrol porque resta capacidade de investimento noutras emerxencias que ten a cidade, que son moitas: sociais, de emprego, urbanismo...".

 

A loita pola "calidade e a universalidade dos servizos públicos"

Estes procesos adquiriron un papel protagonista na axenda municipalista impulsada por numerosas cidades e vilas de toda España. As Jornadas de Municipalismo, Autogobierno y Contrapoder, celebradas en Málaga o pasado mes de xullo sinalaron na súa Declaración a importancia central das remunicipalizacións, destacando que "o mantemento da calidade e a universalidade dos servizos públicos resulta esencial na batalla contra o neoliberalismo e na propia redefinición do público; trátase dun terreo que permite ensaiar experimentos de democratización, autoxestión ou coxestión", incidindo na necesidade de "reforzar o tecido cooperativo a medio/longo prazo utilizando as institucións públicas como socios privilexiados". "Por iso instamos o movemento municipalista a atopar vías comúns para a recuperación/creación de novos servizos públicos e para abrir procesos de conflito capaces de activar e apoiarse na mobilización cidadá", engadía o texto.

"Instamos o movemento municipalista a atopar vías comúns para a recuperación/creación de novos servizos públicos", sinalaba a Declaración das Jornadas de Municipalismo, Autogobierno y Contrapoder

O documento apostaba por "federar esforzos e socializar a información xerada nos distintos municipios onde existen tanto exemplos exitosos de remunicipalización como de creación de novos servizos" (neste senso A Coruña ofreceu en varias ocasións a experiencia do traballo da empresa pública Emalcsa). E tamén por "pensar a posible desobediencia coordinada entre distintos municipios ás leis que limitan a capacidade económica, de endebedamento ou de contratación destes concellos, principal obstáculo á recuperación dos servizos públicos/comúns".

 

Outras remuncipalizacións

A Coruña, Compostela, Lugo, Teo, Zas ou Arteixo tamén levaron a cabo nos últimos meses procesos de remunicipalización de determinados servizos. O mesmo que outras cidades e vilas en toda España, como León, Zaragoza, Barcelona ou Cádiz.

O pasado mes de xuño o Concello da Coruña anunciou a remunicipalización da rede de bibliotecas da cidade

O pasado mes de xuño o Concello da Coruña anunciou a remunicipalización da rede de bibliotecas da cidade, un servizo ata agora nas mans da empresa Eulen, logo da concesión levada a cabo durante o anterior goberno do PP. Eulen xestionaba en concreto 5 das 8 bibliotecas da rede municipal, grazas a un contrato que rematará en novembro. A Coruña aforrará medio millón de euros con esta medida que, ademais, permitirá rematar cunha dualidade na xestión que -asegura o Goberno local- estaba interferindo na prestación do servizo. O cadro de persoal, dunhas 60 persoas, será subrogado e pasará a depender directamente do Concello. A municipalización chega poucos meses despois de que Aduanas acudise ao Concello a incautar documentación de 2012 relacionada co contrato de servizos complementarios das bibliotecas da cidade que fora adxudicado daquela a Eulen por máis de 2 millóns de euros.

O Goberno local da Coruña buscou tamén municipalizar tamén o servizo da ORA. Porén, finalmente viuse obrigado a adxudicar a concesión a Setex Aparkisa debido a que o contrato "estaba de facto adxudicado". O alcalde Xulio Ferreiro indicou que seguir adiante coa remunicipalización podería supoñer "un risco económico grave" tanto para o concello coma para os traballadores do servizo.

Outro dos grandes obxectivos do Goberno local compostelán é a recuperación do subministro de auga, cuxo actual contrato privado rematará en 2019 e que o Concello se comprometeu a municipalizar

Compostela parece que si completará a municipalización da ORA e do guindastre. A concesión deste servizo fora anulada en outubro por unha sentenza do TSXG, polo que o goberno local optou por estudar a vía da municipalización e encargou os informes económicos e xurídicos necesarios. Ademais, modificou o obxecto social da sociedade mercantil Tussa, para que puidera prestar os servizos. Outra cidade que recuperará nos vindeiros meses a xestión da ORA é Lugo, un proceso que se abrirá en setembro.

Outro dos grandes obxectivos do Goberno local compostelán é a recuperación do subministro de auga, cuxo actual contrato privado rematará en 2019 e que o Concello se comprometeu a municipalizar. Seguirá así a senda marcada por Teo, que nos últimos meses completou o proceso iniciado hai uns anos, recuperando a xestión pública da auga e o saneamento. O mesmo fixo o Concello de Zas, que destaca que a recuperación do servizo supuxo un aforro de 200 mil euros para as arcas municipais.

"Se nesta lexislatura podemos conseguir que tanto o lixo coma o saneamento estean xestionados conxuntamente por varios concellos, podemos ser unha referencia na xestión pública de servizos, evitando entregalos a mans privadas", sinala Jorge Suárez

A auga e o saneamento foron unha das grandes preocupacións do Executivo municipal de Ferrol nos primeiros meses de lexislatura, conseguindo finalmente anular a taxa de saneamento aprobada polo PP na pasada lexislatura, unha vez comprobada que a empresa Emafesa -xestionada por Urbaser- non levara a cabo este servizo. O proceso segue aberto e o Goberno local ferrolán confía en completar nesta lexislatura a remunicipalización deste servizo, que podería ser xestionado de xeito comarcal, abaratando o seu custe. Ferrol tamén quere comarcalizar a xestión da recollida de residuos (un proceso iniciado recentemente por Arteixo), despois de que o Goberno local paralizase a concesión deste contrato a mans privadas. "Estamos realizando un estudo para a xestión conxunta con Narón, que remata o contrato en 2017 e con Fene, que xa ten o servizo remunicipalizado. Se ao longo desta lexislatura podemos conseguir que tanto o lixo coma o saneamento estean xestionados conxuntamente por varios concellos, podemos ser unha referencia no país no que atinxe á xestión pública de servizos, evitando entregarllos a mans privadas", sinala Jorge Suárez.

 

Visita dos técnicos de AEOPAS á depuradora de Ferrol © Concello de Ferrol
Biblioteca municipal da Coruña © Concello da Coruña
Parquímetro da ORA en Compostela © Concello de Santiago
Recollida de residuos, auga e saneamento ou subministro eléctrico son algúns dos ámbitos nos que se libra a batalla das remunicipalizacións CC-BY Sili(k)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.