O reducido cadro de maquinistas con que conta Renfe en Galicia está facendo que a empresa pública sexa incapaz de prestar todos os seus servizos en tren e teña que recorrer ao autobús para desprazar os seus pasaxeiros, que están a sufrir importantes demoras e incomodidades. Iso foi o que pasou en varias ocasións esta semana entre Ourense e Zamora, igual que xa ocorrera o mesmo a comezos de maio entre Monforte e Pontevedra. Noutros casos, os pasaxeiros teñen que cambiar de tren pola falta de maquinistas preparados para conducir segundo que tipo de convois.
No pasado sempre había algún maquinista que estaba disposto a facer un favor á empresa e, ante un imprevisto ou unha baixa, ofrecíanse a traballar algúns dos que estaban descansando. Pero a relación entre traballadores e empresa está nun dos seus peores momentos. Cunha folga de maquinistas convocada polo sindicato Semaf para os días 10, 12, 14 e 16 de xuño, os condutores están evidenciando a súa situación e agora néganse a axudar á empresa. O conflito está provocando problemas en toda España, pero Galicia é un dos lugares máis afectados. “Xa non colaboramos máis”, di un maquinista galego consultado.
Non hai maquinistas suficientes para o aumento de servizos á Meseta e o transporte do lixo a Sogama
A escaseza crónica de maquinistas en Galicia agravouse nos últimos meses por dúas circunstancias. A entrada en servizo a finais do ano pasado, a uns días das eleccións xerais, dun novo treito de AVE entre Madrid e Zamora fixo que en febreiro Renfe incrementase notablemente as frecuencias de trens cara á Meseta. Polas mesmas datas Renfe gañaba, da man de Copasa, o concurso para transportar agora por ferrocarril os residuos urbanos de toda Galicia ata a planta de Sogama en Cerceda. Máis traballo para os mesmos maquinistas, que agora veñen de dicir basta.
As redes sociais están fervendo esta semana co problema. Nelas, Renfe limítase a falar de “incidencia técnica” e informar dos trasbordos en autobús cando moitos pasaxeiros xa non teñen tempo de arrepentirse. A conta de Twitter @GrupoTrenZamora, un grupo de aficionados ao ferrocarril desa cidade, vén documentando todas as incidencias e informando en ocasións aos usuarios máis que a propia Renfe.