Representantes públicos participaron nos actos relixiosos celebrados este domingo nas catedrais

Núñez Feijoo, Méndez de Vigo e Pastor, este domingo © Conchi Paz

As distintas catedrais de Galicia acolleron este domingo actos de inicio do denominado Ano Santo da Misericordia, un ano xubileu extraordinario decretado polo Papa Francisco. En todas elas o máximo representante de cada diocese presidiu unha cerimonia de apertura dunha porta santa, que -ata o 20 de novembro- permitirá "o perdón dos pecados" dos cristiáns que pasen por elas. Tratábase, polo tanto, dun acto relixioso. E mesmo así en varias destas cerimonias participaron representantes das institucións públicas, obviando a aconfensionalidade do Estado e a separación entre Igrexa e Estado que recolle o artigo 16 da Constitución.

En Compostela asistiron Alberto Núñez Feijoo, Íñigo Méndez de Vigo, Ana Pastor, Román Rodríguez ou o delegado do Goberno, Santiago Villanueva

En Compostela, por exemplo, participaron o presidente da Xunta -Alberto Núñez Feijoo-, o ministro de Cultura -Íñigo Méndez de Vigo-, a ministra de Fomento -Ana Pastor-, o conselleiro de Educación -Román Rodríguez-, e o delegado do Goberno -Santiago Villanueva-. Durante a misa, o arcebispo Julián Barrio apelou "á misericordia" e criticou o terrorismo, as guerras, a economía da exclusión, a ideoloxía do diñeiro, a inequidade e o cambio climático. Ademais, Barrio instou directamente aos representantes públicos a "practicar a xustiza na recadación de impostos" e a ser "moderados no exercicio do poder".

En Ourense participaron o alcalde Jesús Vázquez, o concelleiro de Promoción Económica, o subdelegado do Goberno e a delegada da Xunta na provincia

A situación repetiuse nalgúns dos outros actos, que se celebraron en Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui. En Lugo estaba prevista a asistencia da alcaldesa, Lara Méndez. E en Ourense participaron o alcalde Jesús Vázquez, o concelleiro de Promoción Económica -Jorge Pumar-, o subdelegado do Goberno -Roberto Castro-, e a delegada da Xunta en Ourense -Marisol Díaz-. Na crónica do acto publicado en La Región destácase que "a todos ellos les unía el deseo de encontrar la misericordia de Dios atravesando la puerta santa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.