Riobóo destitúe o 'número dous' de Podemos-Galicia

Breogán Riobóo CC-BY-SA Claro que Podemos Galicia

Nova destitución e máis dúbidas en torno ao futuro da actual dirección de Podemos en Galicia. O secretario xeral galego do partido, Breogán Riobóo, decidiu destituír ao seu responsable de organización, Borja San Román, aludindo "perda de confianza", sen que polo momento a formación aclare máis circunstancias sobre a que é a terceira mudanza no Consello Cidadán Galego desde as eleccións xerais.

Segundo as fontes consultadas por este diario Riobóo comunicou a destitución de San Román e a súa substitución no posto por Cristina Laya, ata agora responsable da área de mocidade, nunha xuntanza celebrada na tarde do sábado. Unha vez confirmada a decisión, o partido rexeitou pronunciarse sobre as causas concretas da mesma. Non haberá polo momento, aclaran a preguntas de Praza Pública, "comentarios" a respecto diso.

Este movemento por parte de Riobóo prodúcese despois de que, tras os comicios do 20-D, anunciase que os membros de Podemos Galicia que resultaron deputados electos por En Marea, Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez, abandonarían tamén as súas responsabilidades no Consello Cidadán, centradas ata entón en análise política e feminismo, respectivamente. Neste caso o motivo aludido para as substitucións foi a necesidade de non acumular responsabilidades institucionais e orgánicas nas mesmas persoas.

Visión crítica sobre En Marea

Riobóo promoveu a remodelación da dirección de Podemos en Galicia pouco despois de realizar unha crítica análise sobre a campaña de En Marea. Como relatou este diario, mentres no conxunto do Estado Podemos reforza a súa aposta por "reflectir a plurinacionalidade" con reivindicacións como grupos parlamentarios propios para as confluencias, o secretario xeral galego criticou que a coalición buscase o que denomina "voto nacionalista", ademais de considerar que a "xestión comunicativa" da campaña "non quixo aproveitar todo o potencial que Podemos-Galicia ten".

Riobóo abriu a porta a que Podemos participase nas eleccións galegas por separado, opción que Iglesias desbota

Foi neste contexto no que, tanto no informe presentado ante o Consello Cidadán Galego como en diversas intervencións nos medios, Riobóo abriu a porta á posibilidade de que Podemos valore participar nas eleccións galegas por separado e non integrado nas mareas. Esta consideración xa foi rebatida polo propio Pablo Iglesias, que preguntado ao respecto advertiu de que "Podemos comparte folla de ruta coas súas forzas políticas irmás en Galicia" nun contexto no que augura que "En Marea, co apoio e a participación de Podemos, gañará as eleccións".

Lonxe de matizar a súa aposta, Breogán Riobóo recibiu as consideracións de Iglesias como "o que son", unha "opinión" co mesmo peso que a de "calquera persoa inscrita en Podemos". Do mesmo xeito, considera que a análise crítica con En Marea á que el puxo voz tería que ser motivo de "orgullo".

Breogán Riobóo CC-BY-SA Claro que Podemos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.