Romay Beccaría tamén nega que coñecese a Marcial Dorado

Romay e Feijóo, nunha imaxe de arquivo © PPdeG

O presidente do Consello de Estado e ex ministro de Sanidade, José Manuel Romay Beccaría, non considera que Feijóo fixese nada malo por compartir vacacións e tempos de ocio co narcotraficante Marcial Dorado a finais dos anos 90 e logo de que se fixesen públicas as polémicas fotografías publicadas por El País. Durante  un almorzo informativo na Coruña, o mentor do actual presidente da Xunta cualificou a actitude deste de "intachable" e asegurou que el "tampouco sabía" quen era o cotrabandista na época na que se tomaron as imaxes. "Non sabía nin que existía", engadiu.

Naquela época, Núñez Feijóo era o número dous de Romay Beccaría, conselleiro de Sanidade, que volveu louvar o actual presidente da Xunta, de quen destaca a súa "probadísima hornadez" e do que dixo ter "un concepto marabilloso" que non perdeu por aquelas fotos. "Seguro que fixo as cousas como explica", dixo. "En canto soubo que esa persoa puido ter algún tipo de problema, sen que llo pedise ninguén, rompe con esa relación con absoluta liberdade", engadiu.

Romay nega que coñecese a Marcial Dorado, malia que o seu chófer era o testaferro do contrabandista

"Non estou contando contos", asegurou Romay Beccaría cando se lle volveu preguntar por se coñecía o narcotraficante Dorado, malia que o propio Feijóo recoñeceu que coñecera o contrabandista a través de Manuel Cruz, chófer de Romay e testaferro do delincuente actualmente na cadea. O presidente do Consello de Estado negou tamén que tivese información sobre se a Xunta destinara fondos ás empresas de Dorado durante a súa etapa na Consellería de Sanidade. "Non teño ningunha información e seguro que Feijóo non fixo ningunha irregularidade", apuntou ao defender de novo o seu comportamento "exemplar". "A xente entenderao e permanecerá, sobre as insidias, a súa execelente executoria", volveu dicir Romay sobre Feijóo.

En canto á investigación de ex tesoureiros do PP, Romay recoñeceu que non é "unha boa noticia", aínda que evitou facer valoracións sobre se o partido no que el tamén foi tesoureiro debe dar explicacións. "Os que teñan que presentarse ás eleccións saberán o que teñen que facer", destacou, tras engadir que é un asunto "suxeito á decisión dos tribunais que tomarán medidas".

Romay e Feijóo, nunha imaxe de arquivo © PPdeG
Feijóo, xunto a Marcial Dorado, nunha das fotografías de El País © El País

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.