Nun mitin no que o PSdeG non cumpriu as previsión de público e ante unhas 700 persoas, o líder do PSOE estatal, Alfredo Pérez Rubalcaba, pediu o voto para os socialistas galegos e para un Pachi Vázquez que considera "un político de verdade" ante un Feijóo que "se coida para que a xente non o coñeza mellor".
Rubalcaba cre que Pachi faralle un favor a Feijóo se gaña as eleccións: "Así Rajoy daralle traballo en Madrid"
Así, o secretario xeral do PSOE, que chegou á campaña galega e que asistirá a cando menos tres actos máis, asegurou na Coruña que Núñez Feijóo "quere gañar as eleccións para buscarse un posto en Madrid". "E por iso obedece en todo a Rajoy", engadiu, tras manifestar que "ao presidente da Xunta parece que Galicia se lle quedou pequena". "En realidade é que lle vén ben grande, pero Pachi Vázquez vaille facer un favor gañándolle as eleccións porque así Rajoy daralle traballo", dixo nun aforo que quedou grande e que obrigou incluso a retirar algunha cadeira de máis.
Pérez Rubalcaba acusou o PP de "agochar de todo" durante as campañas xerais, aludindo ao programa real que non explicaron na das xerais, os Orzamentos que non aprobaron ata que se celebraron os comicios andaluces e "os contratos de Pemex e as cifras de déficit" que Rajoy estaría agochando en Galicia.
O líder do PSOE aclara que estaría "encantado" de que os contratos de Pemex existisen, pero pide velos na Comisión de Segredos Oficiais
Ademais, criticou que o candidato da dereita evite coincidir con Mariano Rajoy nos seus actos e pediulle a Feijóo que lle "ensine os contratos de Pemex como representante do PSOE na Comisión de Segredos Oficiais do Congreso". "Estariamos encantados de que ese contrato existise, igual que estariamos encantados de que se resolverse o problema de Alcoa", engadiu Rubalcaba, que se reuniu xunto a Pachi Vázquez e Francisco Caamaño con varios representantes da empresa de aluminio que acudiron a manifestarse á entrada do acto socialista. Respecto disto, o líder dos socialistas coruñeses, Francisco Caamaño, preguntouse como é que Feijóo coñece o contido duns contratos "en teoría segredos" entre unha empresa e os estaleiros.
Do mesmo xeito, Rubalcaba advertiu aos pensionistas de que o PP "non vai actualizar as pensións" e dirixiuse á cidadanía para lembrar que as políticas económicas que leva a cabo o PP "son fame para hoxe e máis fame para mañá".
Pola súa banda, o candidato socialista á Xunta, Pachi Vázquez, asegurou que as enquisas internas do partido agoiran que "hai unha maioría social que quere cambio de Goberno en Galicia" e advertiu que é na provincia da Coruña onde máis se aprecian esas ganas de derrocar o Executivo conservador, polo que animou aos dirixentes socialistas a pisar o acelerador neste territorio.
Pachi Vázquez cualificou de "inmoral" o anuncio de Feijóo aos traballadores de Alcoa en plena campaña
Ademais, e respecto dos contratos de Pemex e a polémica de Alcoa, Pachi Vázquez cualificou de "inmoral" aproveitar o "sufrimento" dos traballadores para "ir a un mitin a dicir que todo está arranxado". "Iso non se arranxa así, senón publicando a resolución no BOE", engadiu o líder do PSdeG, que denunciou os "enganos" do PP con Pemex ou o déficit, tras referirse outra vez ao informe do Consello de Contas que advirte da desviación de 411 millóns do exercicio de 2010 ao de 2011 por parte da Xunta.
Por outra parte, insistiu na súa promesa de crear 25.000 bolsas de traballo para mozos, así como a suba de impostos "aos que máis teñen" e fixo unha chamada ao voto porque "o enfado está moi ben" pero onde se demostra é "nas urnas".