Rubalcaba evita a batalla co PSdeG, que renovará liderado cunhas primarias de delegados

Xuntanza de Vázquez e Rubalcaba © Inma Mesa / PSOE

Unhas primarias para elixir delegados e delegadas que, posteriormente, ratificarán o liderado do partido. É o proceso que vivirá o PSdeG-PSOE entre o final da primavera e o comezo do verán. Despois de que o Comité Nacional dos socialistas galegos aprobase o pasado día 2, por máis do 90% dos votos, a realización dunha consulta entre a militancia para renovar a secretaría xeral, Pachi Vázquez viaxou este martes a Madrid para, en conversa con Alfredo Pérez Rubalcaba, tentar encaixar a proposta nos estatutos federais da formación. O secretario xeral do PSOE, con focos internos tan potentes como o conflito cos socialistas cataláns ou o alcalde rebelde de Ponferrada, decidiu, non alimentar un novo incendio en Galicia e o 1 de xuño a militancia galega estará chamada ás urnas, aínda que non estritamente nunhas primarias nas que só reciban o voto as persoas que opten ao liderado.

Segundo o modelo bosquexado no Comité Nacional tras as primarias consultivas os delegados e delegadas do congreso do 6 de xullo terían na súa man reproducir ou non o veredito expresado polas papeletas do 1 de xuño, unha caste de dupla ratificación que as direccións federal e nacional quixeron evitar. Neste contexto é no que nace o, segundo a Executiva do PSOE, "procedemento acordado entre as dúas direccións que non contravén os estatutos e regulamentos do PSOE e que permite desenvolver a vontade de desenvolver ao máximo a participación directa dos militantes". O acordado levará os socialistas galegas a celebrar un proceso semellante ao aplicado polo BNG en 2009, na súa única Asemblea Nacional por delegación.

Concretamente, informa o PSOE, "nas vindeiras semanas" será redactado "un regulamento ad hoc" no que figurará que "as candidaturas para a elección de delegados que se presenten nas agrupacións sexan encabezadas polos respectivos candidatos á secretaría xeral". Así as cousas, segundo confirman fontes do PSdeG consultadas por este diario, a militancia votará unha lista de persoas previamente designadas polo candidato ou candidata á secretaría xeral: "en cada agrupación, cada candidato propón os seus delegados", resumen as mesmas fontes.

"En cada agrupación, cada candidato propón os seus delegados", que posteriormente ratificarán o nomeamento no congreso do 6 de xullo

Unha vez electos, os delegados e delegadas serán os que ratifiquen o novo líder no congreso do 6 de xullo. A esa cita chegarán na proporción na que fosen elixidos nas primarias -por exemplo, se un candidato obtén o 70% de apoio nas urnas, terá o 70% de delegados e delegadas no congreso-. Segundo a dirección que encabeza Rubalcaba, este procedemento "Permite o reconto do voto directo dos militantes aos candidatos a secretario xeral, perfeccionar o sentido do concepto delegado, aquel en quen os militantes delegan o seu voto nun congreso cun mandato expreso" e "reforzar a transparencia na elección", evitando "poscionamentos persoais do delegado á marxe da vontade de quen o elixiu". Ademais, subliñan, "respéctanse" as normas internas do partido.

Así as cousas, o único candidato que polo momento anunciou a súa intención de optar a liderar o partido, o secretario provincial de Lugo e presidente da Deputación lucense, José Ramón Gómez Besteiro, terá que encabezar unha lista de aspirantes a delegados e delegadas que, unha vez no congreso, votarán por el. En días pasados o propio Besteiro, nunha entrevista en Praza Pública, subliñaba que "en ningún punto dos estatutos do PSOE di que non se poida escoitar a militancia, é máis, aínda que non esta escrito, todos entendemos que o Partido Socialista ten que escoitar a súa militancia" e non "terlle medo".

Neste contexto, resta coñecer como concretará ese regulamento "ad hoc" as vías de acceso para poder encabezar esas listas de delegados -nun primeiro momento falouse da necesidade de recolleitar o aval de arredor de 10% da militancia do PSdeG, unhas 1.000 persoas-, se Besteiro terá competidores e se un deles será o propio Pachi Vázquez.

 

Xuntanza de Vázquez e Rubalcaba © Inma Mesa / PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.