Rubalcaba pide a dimisión de Rajoy

Alfredo Pérez Rubalcaba, secretario xeral do PSOE CC-BY-SA PSOE

O secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, compareceu ante os medios de comunicación para esixirlle ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que abandone A Moncloa porque "non pode facer fronte á situación que atravesa España". "Fai falta un goberno forte, crible e confiable, e o do PP deixou de selo, empezando polo seu propio presidente", matizou.

O secretario xeral do PSOE afirma que o presidente do Goberno "non pode facer fronte á situación que atravesa España"

O PSOE limitárase até agora a esixirlle explicacións ao Partido Popular ante as informacións que apuntan a un presunto financiamento irregular da organización. "Evitamos calquera acusación que puidese pór en risco as institucións e empregamos as canles da democracia e o estado de dereito", explicou Rubalcaba. Con todo, este domingo os socialistas deron un paso máis e veñen de esixirlle a Mariano Rajoy que deixe a presidencia. Porén, Rubalcaba non expresou que fórmula se debería adoptar no caso de que Rajoy abandonase o posto.

A resposta dos socialistas chega despois da comparecencia do presidente do PP ante o Comité Executivo deste sábado no que "Rajoy non deu explicacións. Negouno todo, non explicou, senón acusou", asegurou Rubalcaba, quen engadiu: "O señor Rajoy non reparou en que os cidadáns esperaban non ataques senón explicacións. "Os españois esperaban unhas actuacións xudiciais, non contra os medios senón contra Bárcenas", defendeu Rubalcaba. Neste sentido, lembrou que o ex tesoureiro do Partido Popular foi un dos beneficiarios da amnistía fiscal.

O líder socialista sostén que Rajoy se converteu "nunha crise de moral pública" e nun "lastre para o país" que nin sequera está lexitimado para levar a cabo os labores propios do seu cargo. "Non pode nin cesar aos seus ministros", reiterou. Doutra banda, cargou contra os resultados da auditoría interna levada a cabo pola tesoureira do PP. "Como se audita o que vai por baixo? Como se auditan os gastos de representación se non se declaran?", preguntouse.


Resolución de reprobación ao Goberno para pedir a súa dimisión

Cayo Lara propuxo este sábado levar ao debate sobre o estado da nación que se celebrará os próximos 20 e 21 de febreiro unha resolución de reprobación ao Goberno para pedir a súa dimisión e a convocatoria de eleccións anticipadas

O coordinador federal de IU, Cayo Lara, propuxo este sábado levar ao debate sobre o estado da nación que se celebrará os próximos 20 e 21 de febreiro unha resolución de reprobación ao Goberno para pedir a súa dimisión e a convocatoria de eleccións anticipadas, xa que, tal e como denunciou, está "dobremente deslexitimado".

"Rajoy está deslexitimado polas súas políticas pero tamén pola súa responsabilidade se se proba que iso é verdade. É unha dobre deslexitimación, porque ademais mentiulle aos cidadáns e en sede parlamentaria. Se iso é así, non cabe máis que un camiño: ten que dimitir Rajoy e convocar eleccións anticipadas. Esa é a proposición que facemos", sinalou.

Alfredo Pérez Rubalcaba, secretario xeral do PSOE CC-BY-SA PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.