Rueda multiplica a súa asistencia oficial a procesións de Semana Santa

Rueda, en procesións de Semana Santa en Betanzos, Lugo, Pontevedra e Ferrol CC-BY-SA Mónica Arcay / David Cabezón / Xunta Montaxe: Praza.gal

Alfonso Rueda multiplica a súa asistencia oficial como presidente da Xunta ás procesións de Semana Santa en Galicia. Desde o pasado luns e ata este pasado venres, o xefe do Executivo galego estivo presente en catro actos relixiosos de catro localidades diferentes, actividades que foron anunciadas polo Goberno autonómico como parte da súa axenda oficial nestes días: Lugo, Pontevedra, Ferrol e Betanzos. 

Rueda acudiu en calidade de presidente da Xunta a procesións en Lugo, Ferrol, Pontevedra e Betanzos

Rueda resarciuse así do pasado ano, cando o mal tempo obrigara a suspender varias procesións e se anulara a súa prevista participación na da Confraría da Vera Cruz e Divina Misericordia de Pontevedra. Á do Santo Enterro de Ferrol, na que tamén fora anunciada a súa presenza, acudira finalmente o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. 

Alfonso Rueda, na procesión do Santo Enterro en Ferrol CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Precisamente, neste ano e na súa cidade natal, Alfonso Rueda participou o pasado xoves 2 de abril na Procesión dos Pasos de Pontevedra, o que supuxo a primeira ocasión na que un máximo representante do Goberno autonomico galego se integra neste desfile relixioso, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. 

Foi a primeira vez que un máximo representante da Xunta presidiu unha procesión en Pontevedra

Ramón Peón, máximo responsable da Xunta Coordinadora da Semana Santa de Pontevedra, destacou o feito de que fose "a primeira vez que un máximo mandatario autonómico preside unha procesión" na cidade do Lérez, o que interpreta como un apoio institucional a estas celebracións. 

Santo Enterro en Ferrol

Só un día despois, e acompañado do conselleiro Diego Calvo, Rueda participou tamén na procesión do Santo Enterro en Ferrol, encabezando a comitiva co Irmán Maior da irmandade, Antonio Sixto, acompañados do alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, ou do Almirante Xefe do Estado Maior da Armada, Antonio Piñeiro, entre outras autoridades civís e militares. 

Xa á noite, o presidente da Xunta trasladouse a Betanzos para participar na procesión dos Caladiños, que saíu da igrexa de San Francisco cos pasos da Satna Cruz e Nosa Señora das Dores. 

Alfonso Rueda, na procesión dos Pasos do Xoves Santo en Pontevedra CC-BY-SA Mónica Arcay / Xunta

Rueda participou na procesión da Virxe da Esperanza en Lugo e foi o primeiro presidente da Xunta que acudiu desde que o fixera Manuel Fraga

Días antes, o luns, Rueda comezara o seu periplo de procesións nestas datas participando na procesión da Virxe da Esperanza, que percorre o centro histórico da cidade de Lugo nun ambiente de recollemento, onde o Tercio Norte da Armada de Ferrol acompaña a figura. 

O presidente da Xunta asistiu a esta procesión acompañado do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e da presidenta da Deputación, Carmela López. Foi o primeiro presidente da Xunta que acode a este acto desde que o fixera Manuel Fraga. 

As de Semana Santa non son as únicas procesións nas que participa Alfonso Rueda. No pasado mes de agosto, estivo presente como presidente da Xunta na do Santísimo Cristo da Victoria, en Vigo, e en xuño na que na Estrada se fai na honra de San Paio. 

En 2024, tamén en Semana Santa, acudiu como presidente en funcións á procesión do Santo Enterro en Ferrol e á dos Pasos, en Pontevedra. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.