Rueda seguirá sendo o número 2 do PPdeG nun congreso que defenderá a "liberdade de elección"

Rueda, nun acto de partido © PPdeG

Alfonso Rueda afianzará a súa posición de escudeiro de Alberto Núñez Feijoo e de candidato mellor situado para un hipotético recambio. No congreso que o PPdeG pechará este domingo en Lugo Rueda volverá ser elixido secretario xeral do partido, mantendo a súa actual acumulación de cargos, pola que suma as súas condicións de deputado, vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia. Rueda manterá todas as súas atribucións co obxectivo de afianzar a súa posición de poder no partido, pero tamén para evitar calqueira loita interna, sobre todo entre os distintos baróns territoriais para facerse co control da Secretaría Xeral.

A elección dun único vicesecretario xeral cobrará un maior peso e na loita por situar unha persoa de confianza se cadra pode estar o meirande interese do congreso

Haberá cambios orgánicos na estrutura do PPdeG, iso si. Detrás de Rueda as Vicesecretarías Xerais pasarán de cinco a unha e o partido incorporará un portavoz. Este único vicesecretario xeral si cobrará un maior peso e na loita por situar unha persoa de confianza se cadra pode estar o meirande interese do congreso. Ou ben a portavocía ou ben a vicesecretaría estarán ocupadas por unha muller. Quedarán por dirimir igualmente os nomes dos coordinadores de área e dalgúns comités.

 

Libre elección de hospital

Os populares propóñense empregar tamén o galego canda ao castelán nos seus perfis abertos nas redes sociais

En canto ao debate de ideas, o PPdeG fará da "liberdade de elección individual" a súa bandeira. Deste xeito o partido aprobrará na súa ponencia social unha proposta para converter nun dereito dos ciudadáns a libre elección de centro escolar, de médico de familia, de pediatra, de persoal de enfermeiría, e tamén de centro hospitalario. En canto á situación económica, a ponencia fai énfase na situación do sector naval e demándalles á SEPI e a Navantia que intensifiquen o seu traballo fóra de Galicia para buscar carga de traballo para los estaleiros de Vigo e Ferrol. O PP tamén promoverá a instauración de "grandes cooperativas para incrementar o valor engadido e corrixir o minifundismo local".

Coincidindo co primeiro cabodano de Manuel Fraga, a ponencia oficial inclúe unha mención ao seu galeguismo para incorporalo ao actual PPdeG. Nese senso, por exemplo, os populares propóñense empregar tamén o galego canda ao castelán nos seus perfis abertos nas redes sociais.

Rueda, nun acto de partido © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.