Unha furgoneta de campaña do BNG apareceu na mañá deste mércores con tres das súas catro rodas picadas. O vehículo, aparcado xunto ao edificio dos sindicatos da Coruña, á saída da cidade, foi danado durante a noite, tal e como relata o responsable da devandita furgoneta, que aparcou o coche o pasado martes sobre as 8 e que se decatou dos desperfectos a primeira hora do día.
Membros do Bloque da Coruña denuncian a "sabotaxe" á que foi sometido o vehículo e que obrigou a cambiar todas as rodas danadas ante a importancia das "navalladas". "Fixérono a conciencia e con cortes ben profundos", relatan. "E aínda que nos queiran facer parar, nós seguiremos", advertían na súa conta de Twitter.
O BNG ten previsto poñer a correspondente denuncia, aínda que os afectados non teñen "nin idea" de quen puido levar a cabo a sabotaxe.