Sánchez e Leiceaga presumen da "política social" de Caballero en Vigo

Leiceaga, Sánchez e Caballero, nun mitin en Vigo © PSdeG

Era un dos mitins máis esperados tras a intensa polémica entre Leiceaga, Ferraz e Caballero polas listas. O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez; o alcalde da cidade; o número 1 da candidatura provincial, Abel Losada, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, estiveron finalmente xuntos e xunto ao candidato á presidencia da Xunta, que se comprometeu a situar Vigo “no lugar que lle corresponde como motor industrial e maior urbe de Galicia, un lugar polo que gravitan máis de 600.000 galegos e galegas”.

Leiceaga promete poñer Vigo "no lugar que lle corresponde como motor industrial e maior urbe de Galicia"

Logo das intensas reivindicacións de Caballero durante o mes de agosto, Leiceaga apelou á importancia da cidade viguesa e criticou que “o Partido Popular non teña un compromiso, Feijóo gobernou de costas á maior cidade de Galicia, de costas ao motor económico do país". Eu serei un presidente que poña a Vigo no lugar que lle corresponde como maior cidade de Galicia”, insistiu. 

Pedro Sánchez manifestou "orgulloso do alcalde de alcaldes" e Leiceaga comprometeuse a levar "a política social de Vigo á Xunta"

Entrando no recindo e posando todos xuntos para as fotografías, os protagonistas insistiron na unidade do partido "por un proxecto común e colectivo" e tanto Caballero como Carmela Silva recibiron a Pedro Sánchez reivindicando que é tamén a súa cidade, unha urbe que o "quere". Agarimoso especialmente co líder do PSOE, o alcalde -que permanece investigado no caso Patos- reivindicou a súa política social e presumiu de axudas ao emprego ou de bolsas de estudo. 

Pedro Sánchez, conscientes das feridas aínda abertas, declarouse "orgulloso de que o alcalde de alcades de España sexa unha persoa como Abel Caballero", mentres Leiceaga se comprometía a levar "a política social de Vigo á Xunta" e reverter a privatización do hospital Álvaro Cunqueiro, cabalo de batalla do goberno local coa Xunta. 

Tanto el como Pedro Sánchez coidáronse de destacar a xestión de Caballero contrapoñéndoa coa de Feijóo. O líder estatal do PSOE destacou que, mentres o alcalde de Vigo "conxela taxas, aumenta o gasto social e recorta a cero a débeda pública", o presidente da Xunta "aumenta impostos, recorta servizos e amplía débeda". Foi unha mostra máis da "unidade" á que todos os presentes apelaron para aparcar as diferenzas co obxectivo común do cambio en San Caetano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.