Sánchez fai responsable a En Marea de que non se revisase xa a prórroga a ENCE

Pedro Sánchez, en Pontevedra © PSOE

Na súa visita a Pontevedra, Pedro Sánchez apostou por aludir á prórroga de 60 anos a ENCE concedida polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy cargando contra En Marea e Podemos. No Café Moderno, o candidato do PSOE á presidencia repartiu críticas entre PP e Pablo Iglesias, pero aludiu á coalición galega para acusala de ser "unha sucursal" da formación  morada e culpala de que non se revisase xa a situación da pasteira na ría. 

Pedro Sánchez acusou a En Marea de ser "unha sucursal" de Podemos

"Revisar a prórroga a ENCE ou apostar polo sector primario; isto podía ser unha realidade xa porque o dixen en marzo de cara á investidura, pero as mareas votaron que non", asegurou Sánchez nun dos seus primeiros actos en Galicia  na cidade que tamén este xoves visita Rajoy e onde tivo durante anos asentada a súa residencia o líder do PP. Pero non foi o candidato popular a diana das críticas no que a temas de ámbito galego se refire, senón En Marea. "Antes de antepoñer os intereses de Galicia, antepuxeron os de Iglesias; son unha sucursal, así que quen queira o cambio en Galicia, que vote o PSOE", insistiu logo de improvisar un mitin en plena rúa durante un paseo pola cidade do Lérez. 

O Congreso, na anterior e curta lexislatura, aprobara a proposición non de lei de En Marea para dar marcha atrás á decisión de prorrogar a presenza de ENCE na ría cos votos a favor do PSOE na Comisión de Agricultura e a posición contraria do PP e a abstención de Ciudadanos. En Pontevedra, o Concello declarou persona non grata a Rajoy pola prórroga á pasteira. 

"A revisión da prórroga de ENCE podía ser unha realidade per as mareas votaron que non; antepuxeron os intereses de Iglesias"

Continuando coa estratexia socialista de cargar contra Unidos Podemos e En Marea para non perder votos pola esquerda, Sánchez lembrou que o PSOE "ten 137 anos e só lle bastan catro letras". "Outros van ter que presentarse con listas e papeletas apaisadas", dixo en referencia á cantidade de partidos que forman parte das diferentes confluencias, ademais de cargar contra a formación morada, "os que presentan as propostas nun catálogo", que antepuxo "aos socialistas de corazón, que non se compran nin se venden cun caálogo". "Demos unha lección aos que converteron a política nunha mercadotecnica e gañemos os socialistas de corazón", insistiu. 

O líder socialista asegurou que "o próximo goberno vai depender do PSOE" e animou a "saír a votar" malia "a frustración" que poidan sentir algúns votantes. "Seremos a primeira forza porque haberá goberno e haberá cambio", engadiu Sánchez, que presumiu do seu partido, "o que máis intentou un goberno progresista e de cambio". "Témolo moito máis perto fronte aqueles nos que confiastes porque propuxeron cambio e acabaron bloqueándoo", dixo. 

Ademais, e en referencia ás próximas eleccións autonómicas, Sánchez asegurou que "dicir si ao PSOE en Galicia será dicir a un goberno presidido por un socialista na Moncloa e na Xunta, con Xoaquín [Fernández Leiceaga]", engadiu para animar a "cambiar a Rajoy por moitas cousas". "Derogaremos o copago farmacéutico, rebaixaremos o IVE cultural ao 10%, paralizaremos a Lomce e alcanzaremos un pacto educativo", resumiu antes de insistir en que, de ser presidente, someterase aos dous anos a unha moción de confianza "para render contas". 

Antes, volveu atacar a Pablo Iglesias, ao que acusou de "cambiar moitas veces de chaqueta malia non usala" por ser "comunista con Garzón, anticapitalista con Teresa Rodríguez ou socialista" cando se reúne con el. "A única alternativa de verdade ao PP é o PSOE", finalizou. 

Pedro Sánchez, en Pontevedra © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.