Santiago e Ourense: dúas doutrinas sobre imputacións en 100 quilómetros

Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago © Santiago Turismo

"Xa se van esgotando os cualificativos para definir a situación que está a vivir o Concello por culpa deste goberno municipal. Se xa era dabondo inoperante e incapaz de xestionar adecuadamente os intereses dos cidadáns, agora pasamos a palabras maiores: as imputacións xudiciais". "Xa estamos ante unha situación totalmente insostible", un verdadeiro "estado de emerxencia". Estas verbas ben poderían ser dun edil da oposición municipal do Concello de Santiago, onde o PP pasa polas súas horas máis baixas por mor dos seus problemas xudiciais. Pero quen as pronuncia é Rosendo Fernández, voceiro do PP no Concello de Ourense e vicepresidente da Deputación desa provincia.

Despois de que o xulgado de intrución número 2 decidise imputar por presunta prevaricación na adxudicación das obras dunha rúa a todos os membros da xunta de goberno local ourensá en 2008, dos que só tres seguen na corporación, os conservadores saíron en tromba a esixir dimisións. Facíano apenas vinte e catro horas antes de que o seu xefe de filas e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se atrincheirase por enésima vez na defensa do maltreito goberno compostelán, ao que tamén lle choven as peticións de cesamentos. Pero, cales son as diferenzas entre un e outro caso? Son notables, cando menos, a nivel cuantitativo, aínda que ambos concellos semellan sufrir a mesma parálise na súa xestión diaria.

Tres de once fronte a dez de trece

A principal diferenza entre ambos consistorios é a cantidade de persoas imputadas nun e noutro goberno. Tras o inicio deste último proceso o gabinete ourensán acumula tres membros imputados: o alcalde, polo devandita presunta adxudicación irregular das obras -en 2008 era edil de Facenda-; a concelleira de Benestar, Marga Martín, polo mesmo caso e polo presunto uso de facturas falsas no servizo de axuda a domicilio; e a edil de Urbanismo, Áurea Soto, que suma á mencionada imputación masiva outras tres por senllas denuncias dun construtor a respecto da explotación dun aparcadoiro, pola licenza dunha residencia universitaria e por vetar o acceso ao PXOM. En total, 7 imputacións para case o 30% do goberno local.

En Compostela case o 80% do goberno ten pendente responder ante a Xustiza

As cifras dispáranse ao chegarmos ao Concello de Santiago. Alí 10 dos 13 membros do equipo de goberno, case o 80%, teñen pendente responder ante a Xustiza por 3 casos diferentes. O último no tempo é que ten a 7 edís con pé e medio no banco dos acusados por decidir pagar con fondos públicos o avogado de Adrián Varela, o concelleiro de Deportes, incausado na Pokémon. Varela comparte imputación na presunta trama corrupta coa responsable de Educación, Rebeca Domínguez, e co alcalde, Ángel Currás, tamén presuntamente implicado nun caso de presunto acoso laboral a un policía. A nómina complétase con Juan de la Fuente, responsable de Obras, acusado nun caso de subvencións veciñais presuntamente xustificadas con facturas falsas.

Fonda división interna

No que si coinciden ambos consistorios é na fonda división interna dos seus respectivos equipos de goberno, agudizada nos dous casos tras a dimisión dos seus cabezas de cartel. En Ourense, a marcha de Francisco Rodríguez tras a súa detención na operación Pokémon, na que segue imputado, desatou a guerra civil entre os coñecidos como paquistas -grupo ao que pertence o actual alcalde- e os denominados pachistas, pola súa afinidade co anterior secretario xeral do PSdeG. Esta situación deriva en que, na práctica, o alcalde estea nunha evidente minoría interna. En Compostela, a dimisión de Gerardo Conde Roa por fraude fiscal na xestión da súa empresa construtora evidenciou tamén a fenda que despois sairía definitivamente á luz nas gravacións do sumario da Pokémon, incluíndo descualificativos como "descerebrados" ou "subnormal", entre outras lindezas.

Nos dous equipos de goberno a dimisión dos anteriores alcaldes desatou unha guerra civil

Neste contexto o PP da capital admite problemas pero defende seguir adiante, desbotando por completo as dimisións, o mesmo que os socialistas ourensáns paquistas. Mentres, o PSdeG opta pola prudencia en Santiago -onde ten un imputado na Pokémon-, pero tamén ve "insostible" a situación do equipo de Currás. O seu xefe de filas, José Ramón Gómez Besteiro, reitera que no caso de que se determinen medidas cautelares ou a apertura de xuízo oral a calquera membro do partido, este terá que asumir responsabilidades políticas. Mentres, pola banda do BNG esíxense dimisións en ambas cidades e subliñan que a organización "predica co exemplo", xa que "calquera imputado" das filas nacionalistas "sen que iso presuma recoñecemento de culpabilidade, en calquera caso dimite para non manchar á institución que representa".

Agustín Fernández, alcalde de Ourense © Ourense Dixital
Ángel Currás, alcalde de Santiago © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.